Haberá 25 relatorios de expertos na materia de todo o estado, con especial fincapé nos monumentos galegos, portugueses e da Bretaña.
O Auditorio Municipal acollerá durante esta fin de semana o VII Congreso Galego de Cruceiros, un foro de especialistas sobre este patrimonio cultural que compartimos con Portugal e Bretaña. En total, serán 25 os relatorios que se celebren no marco deste encontro, que foi presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen quixo felicitar á Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas “ por este labor de estudo e divulgación, sempre necesaria para coñecer mellor de onde vimos”.
Fernando Arribas, representante da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de pedra e Petos de ánimas, organizadora do evento, quixo agradecer “a sensibilidade do Concello de Ourense co patrimonio cultural patrocinando un evento no que se van presentar 25 relatorios, obra de diferentes especialistas, relatorios que abranguen aspectos de cruceiros galegos, portugueses, casteláns e da Bretaña”.
Desde 2009, estes investigadores reúnense en torno á Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de pedra e Petos de ánimas, única no seu xénero existente no estado español, e que ten entre os seus obxectivos o de promover a conservación, restauración e recuperación dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo existentes tanto en Galicia como naqueles países con presenza de emigrantes galegos. Igualmente, fomentar o estudo, investigación, coñecemento e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, tanto no seu aspecto material como inmaterial. Así mesmo, velar pola integridade destas construcións, apoiando todas aquelas iniciativas para a súa revitalización e posta en valor.