A dirección artística e a construción das carrozas supoñen un total de 95.847,50 euros. A cabalgata será retransmitida en directo pola TVG.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou a contratación definitiva dos servizos de dirección artística e da construción das carrozas para o desfile por un importe de 95.847’5 euros, dos que 59.850 euros corresponden ao deseño e dirección, e 35.997’50 euros. Este montante supón preto de 40.000 euros de aforro respecto do ano anterior para unha cabalgata que será vista por todos os galegos xa que será retransmitida pola canle autonómica. Foi este un dos asuntos tratados fóra da orde do día, xunto á recepción da ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación do proxecto de acondicionamento e renovación do firme na praza das Eiroás e rúa do Pazo.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou un expediente de licenza urbanística para a rehabilitación e ampliación dun edificio de vivendas en Cardenal Quevedo 25, e notificou dúas denuncias por disciplina urbanística: unha efectuada pola propia Policía Local sobre unhas obras ilegais en Licenciado Molina 18 (no barrio do Vinteún), e outra polo mal estado dos baixos da rúa Quince 6, en Barrocás, cuxo propietario será sancionado e obrigado a subsanar os defectos polo risco de caída de elementos á rúa.
Así mesmo, estimouse a petición de responsabilidade patrimonial da empresa EROSKI por danos e perdas sufridos por mor da anulación da licencia de obra e actividade (derivada da caída do PXOM en 2010). Estes danos están valorados polo Consello Consultivo de Galicia (do mesmo xeito que no caso de Hipercor) en 518.468’15€ en concepto de honorarios de proxecto e taxas de tramitación.
Contratación
A Xunta de Goberno Local segue aprobando, na liña das últimas reunións, expedientes para contratar, mediante procedemento aberto, arrendamentos de inmobles por catro anos (2016/2019) para a cesión do seu uso asociacións de veciños. O importe total dos cinco arrendamentos aprobados hoxe ascende aos 133.996’60 euros para os vindeiros anos repartidos entre os colectivos veciñais do Polvorín, Parque Barbaña, Peliquín, Porto Vello-As Lagoas e Quince de agosto.