A actuación terá lugar este martes 29 de decembro ás 19 horas nos xardíns do Padre Feijoo ou na praza Maior, segundo as condicións meteorolóxicas.

 

A Agrupación Voces Amigas, constituida polo Coro da Parroquia de San Pío X e o Grupo As Viñas, ambas formacións do concello de San Cibrao das Viñas, interpretarán un repertorio de panxoliñas e cancións típicas do Nadal en galego, castelán, inglés e mesmo en latín con ocasión do Concerto de Nadal organizado polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro. Na parte final do recital musical tamén se unirá o Coro da Asociación de Veciños de San Cibrao.

A actuación terá lugar este 29 de decembro, ás 19 horas nos xardíns do Padre Feixoo ou na praza Maior (segundo as condicións meteorolóxicas). 

Os grupos

A formación Voces Amigas está integrada por algo máis de vinte compoñentes con carácter marcadamente xuvenil, pois os membros teñen idades comprendidas dende os 6 ata os 20 anos. Todos eles teñen intención de «cantar e tocar para pasalo ben e aportar alegría nestas datas de Nadal», segundo expresou o seu director musical, o párroco José Ramón Blanco Álvarez.

Pola súa banda, o Grupo As Viñas será o encargado da parte instrumental do concerto e o Coro da Parroquia de San Pío X aportará a parte vocal durante este encontro que terá unha duración aproximada dunha hora.