Flora Moure

A concelleira de Tráfico e Seguridade, Flora Moure, manifesta que é preciso poñer sobre a mesa medidas que contribúan a frear este tipo de sinistros nos que están implicados os peóns.

 

O Goberno Municipal trasladará á Mesa de Mobilidade, constituida no Concello de Ourense por diversos colectivos e organismos, diversas medidas para evitar e previr os atropelos na cidade.

Tal e como sinala a concelleira de Tráfico e Seguridade, Flora Moure, “é preciso poñer sobre a mesa medidas que contribúan a frear este tipo de sinistros onde están implicados os peóns”, polo que considera fundamental que sexa na Mesa de Mobilidade onde se consensúen e acorden as medidas precisas para tratar de frear as cifras de atropelos nas vías urbanas.

Entre as medidas que o Goberno Municipal trasladará na Mesa de Mobilidade, atópase a posibilidade de implantar a reducción a 30 kilómetros/hora en diversas zonas da cidade, algo que se terá que decidir segundo os informes técnicos pertinentes. Tamén se contempla incidir en campañas de concienciación xa dende a infancia, co fin de evitar os sinistros provocados por transitar ou cruzar de xeito inadecuado a calzada, e que afectan sobre todo aos colectivos máis sensibles (maiores e cativos).

“No Goberno Municipal consideramos fundamental tratar de evitar e previr os atropelos na cidade, pois resulta preocupante o aumento no número deste sinistros nas últimas semanas”, traballo que se debe desenvolver en colaboración con outros colectivos como poden ser as asociación PAT (Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico) ou Stop Accidentes, recalca a concelleira Flora Moure.