As medidas que se adopten para evitar atropelos seguirán criterios técnicos, recalcou o alcalde.

Para este xoves está convocada unha xuntanza no Concello de Ourense cos responsables das administracións e institucións con competencias en materia de tráfico e seguridade cidadá para analizar a problemática dos atropelos. E é que en menos dun mes téñense producido 14 atropelos de diferente consideración na nosa cidade. Á reunión acudirán, ademais do alcalde, Jesús Vázquez, os concelleiros José Araújo, Flora Moure e Belén Iglesias, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o director xeral de Tráfico en Ourense, David Llorente, e a intendente da Policía Local de Ourense, María Barrera.

O alcalde explicou que o grupo de traballo proporá unha serie de alternativas que terán que ser analizadas logo na Mesa da Mobilidade, que se convocará proximamente. Subliñou Jesús Vázquez que “medida que adoptemos, medida que vai ser contestada por parte da poboación” de aí a importancia de actuar “dunha maneira global e planificada” e de que as alternativas veñan amparadas por informes técnicos.

 O rexedor puxo como exemplo a redución da velocidade a 30 Km/h ou a instalación de bandas sonoras. “Nunha cidade onde non hai circunvalación ralentizamos o tráfico a 30 en toda a cidade imos provocar un caos circulatorio; e as bandas establecen ruído que provoca malestar”, argumentou.