Este organismo está integrado por 20 cidades conectadas por vía férrea de alta velocidade, e propón estratexias de promoción conxunta.

A cidade de Ourense desembarca esta semana en Madrid para amosarse no escaparate internacional que supón a Feira Internacional de Turismo Fitur, e que se desenvolve do 20 ao 24 de xaneiro. O departamento de Turismo presentará, no espazo propio da Axencia de Turismo de Galicia (case 1.000 metros cadrados de expositor), os puntais da oferta turística da cidade. Porén, a delegación ourensá aproveita a visita a Madrid para participar en diferentes foros e reunións de traballo relacionados con temas estratéxicos da axenda municipal, como é a chegada da alta velocidade.

Así, este martes día 19 formalízase en Madrid a entrada de Ourense como membro de pleno dereito na Rede de Cidades AVE, organismo que reúne máis de 20 destinos en toda España entrelazados por esta vía férrea e propón estratexias de promoción conxunta. Este paso está estreitamente ligado co acordo plenario sobre a preparación do Plan Estratéxico para a chegada do AVE a Ourense, previsto para 2018, e no que se pretende asegurar unha boa integración da infraestrutura viaria dentro da cidade. En clave turística, a alta velocidade é unha oportunidade para a captación de novos fluxos de visitantes, así como para responder garantindo unha oferta turística á altura das circunstancias.

Neste sentido, e con vistas a Fitur, Ourense conta con elementos que achegan un alto nivel de diferenciación e desestacionalización: o termalismo, o patrimonio histórico artístico, a gastronomía e a súa oferta cultural, facendo especial énfase no impulso ao Camiño Mozárabe – Vía da Prata e na difusión da cidade como capital do Entroido de Galicia.

 

Exceltur

A véspera de Fitur acolle igualmente o 8º Foro de Liderado Turístico Exceltur, no que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participará desde primeira hora da mañá en diferentes relatorios impartidos por personalidades coma o presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, o ministro exipcio de Turismo, Hisham Zaazouo seu homólogo cubano, Manuel Marrero, diferentes presidentes autonómicos, caso de Alberto Núñez Feijóo (Galicia), Ximo Puig (Comunitat Valenciá), ou Fernando Clavijo (Canarias) ou Cristina Cifuentes (Madrid), así coma os presidentes de diferentes empresas líderes no sector do turismo.

Dentro de Exceltur, o rexedor compartirá unha comida de traballo con diferentes alcaldes de cidades españolas na que intercambiar opinións e estratexias de promoción turística.