Entre as propostas desta iniciativa figuran programación informática, fotografía, pintura e plastilina condutivas, stopmotion e vídeo-mapping.
A infancia e a mocidade da provincia de Ourense (nenos e xóvenes con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos) son os protagonistas da “ICCKids 2016”, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez dentro da programación da “ICCWeek 2016” que organiza a Deputación de Ourense, con obradoiros onde a creatividade e a tecnoloxía dirixidos aos máis novos, que serán os principais protagonistas. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o coordinador da ICCWeek, Juan Rivas; e a coordinadora da ICCKids, Cristina Blanco.
A “ICCWeek 2016” amplía a súa oferta cultural ao público infantil e xuvenil da provincia, a través da “ICCKids”, que inclúe obradoiros que se desenvolverán ao longo de todo o ano 2016 en diferentes poboacións do territorio provincial: Bande, Celanova, O Barco, Xinzo de Limia, Ourense, O Carballiño, Verín e Beade. As actividades abranguerán temas como programación informática, fotografía, pintura e plastilina condutivas, stopmotion e video mapping, “estamos a falar da xeración mellor preparada que vai en sintonía coa innovación tecnolóxica e a ICCWeek non ía descoidar esa parte tan importante do futuro de Ourense que son os máis novos”, asegurou Manuel Baltar.
Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.ourenseiccweek.com. Todos os obradoiros son de balde, pero con previa inscrición. As actividades comezan esta fin de semana polas mañás en Beade e, pola tarde en Bande cun taller de stopmotion e video mapping.