México é o país convidado nesta 17ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico.
“A mellor estratexia de márketing é xantar ben, e en Ourense se come moi ben”; con estas palabras culminaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o seu discurso de inauguración de Xantar 2016, o 17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico que ata o domingo se desenvolve no recinto feiral de Expourense.
Un discurso no que Feijóo fixo referencia a un dato: que un de cada dous viaxieiros elixe o seu destino pola gastronomía. Nunha comunidade como Galicia, na que temos máis de 300 festas gastronómicas, así como trece establecementos distinguidos con estrela Michelín e outros 25 restaurantes con 37 soles Repsol, pódese concluír que a gastronomía é un dos nosos principais atractivos. De feito, como recordou o presidente do Goberno galego, “Galicia é un territorio onde nos xuntamos para comer”. De aí que “este escaparate que é Xantar hai que protexelo e animalo”, pois contribúe tamén á promoción da marca Galicia.
{gallery}stories/ourensecidade/xantar2016{/gallery}
No acto de inauguración de Xantar, Feijóo estivo acompañado polo director de Turismo do Estado de Morelos, Sergio Pérez, por ser México o país convidado desta edición do salón. Tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Comité Executivo de Xantar e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, e o director de Xantar, Alejandro Rubín.
14 restaurantes
De aquí ao domingo, os que se acheguen ata Expourense poderán viaxar, a través da gastronomía, ata o Estado mexicano de Morelos, Portugal, Asturias, Castela e León ou diferentes puntos da xeografía galega. Son 14 restaurantes os presentes este ano, sendo unha das novidades o restaurante “Experiencias en Calidade” patrocinado pola Consellería de Medio Rural que ofrece un menú composto por productos certificados. Ademais, poderemos saborear o marisco e o peixe do restaurante Ría de Pontevedra- Beluso, o galo de curral de Vila de Cruces ou os doces típicos no restaurante de Ponteareas-Vila do Corpus. Adentrándonos xa na provincia de Ourense, destaca o menú “#saboresdeourense” que recolle aos pinchos gañadores dos distintos concursos gastronómicos organizados na cidade. Dentro desta provincia, tamén se pode elixir entre os menús ofrecidos por Terras do Avia, Parada de Sil e Riós. Pola súa banda, o Inorde propón un menú baseado en produtos selectos producidos por Coren, Grupo Cuevas e Viña Costeira.
Portugal volverá ser un dos protagonistas desta cita gastronómica e participa con dous restaurantes da rexión Porto e Norte: Vila Real e Caminha, que presentará un menú baseado no festival Gastronómico do Bife de Espadarte (peixe espada) que cada ano se celebra en Vila Praia de Âncora. A restauración desta edición complétase cos menús de Castela e León e Asturias.
Actividades
O programa de actividades de Xantar 2016 oferta máis de 100 actividades tanto para profesionais como para afeccionados, incluíndo tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións. Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará por primeira vez con tres aulas gastronómicas ás que se suma unha de cata. Cabe destacar a cantidade e calidade de chefs galegos, mexicanos, portugueses e costarricenses que van impartir exhibicións de cociña nesta edición. Dende Pepe Solla a Flavio Morganti, con Soles Repsol, pasando por Álvaro Villante, Lucía Freitas ou Emma Pinal, entre moitos outros.
Xantar 2016 aposta firme por fomentar a cultura vitivinícola de Galicia e repite nesta edición a creación dun Túnel do Viño que amplía con respecto á experiencia do ano anterior. O obxectivo é servir de escaparate internacional ao viño galego e poderán consultarse e probarse referencias das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia.
Outra das actividades que terá continuidade será o XII Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que espera repetir o éxito da última edición na que reuniu a máis de 40 entidades sendo o segundo encontro deste tipo con máis representantes a nivel mundial.
O programa do 11º Encontro Internacional sobre Dieta e Saúde complétase cunha serie de actividades especiais como o acto de recoñecemento aos chefs con Estrelas Michelín e Soles Repsol, a entrega dos Platos de Oro de Radioturismo a restaurantes e casas de turismo rural das provincias de Lugo e Ourense.