O alcalde anunciou que traballa cunha previsión de 21.095 horas ao mes de atención ás persoas en risco de exclusión e vulnerabilidade social.
O Concello de Ourense vén de aprobar, en xunta de goberno celebrada, a contratación do Servizo de Axuda no Fogar cunha previsión total de 21.095 horas ao mes de atención ás persoas en risco de exclusión e vulnerabilidade social da cidade, 5.723 horas máis ao mes que o ano anterior. O gasto estimado para este servizo é de 3.575.154 euros anuais, case un millón máis do que o pasado ano (2.655.266), partida na que se inclúen os novos 60 postos de traballo creados para darlle cobertura, facendo un total de 167 auxiliares desenvolvendo esta labor. As cláusulas establecían que se podía prorrogar un ano máis o contrato de axuda no fogar, “pero técnicas da Concellería de Asuntos Sociais detectaron incumprimentos na asistencia básica e estimaron unha nova contratación”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Porén, a de Axuda no Fogar foi só unha das accións en materia social aprobadas en xunta de goberno local o xoves 4 de febreiro. Neste eido aprobouse tamén o proxecto da ordenanza reguladora do réxime de funcionamento e cesión de vivendas de emerxencia social do Concello de Ourense, tres inmobles adscritos á Concellería de Asuntos Sociais destinados ao realoxamento temporal de persoas en caso de emerxencia social, “caso dun incendio, catástrofe que implique ruína, desafiuzamentos, relacións familiares insostibles… sempre que non poidan aloxarse noutra vivenda”, informou o rexedor. O aloxamento será de tres meses prorrogables a tres máis en función dos ditames técnicos.
Igualmente, informouse da solicitude de subvención á Consellería de Políticas Sociais da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en risco de exclusión social perceptoras de axudas Risga. En concreto, serán 30 as persoas que se soliciten cos seguintes perfís: conserxes (5), auxiliares administrativos (7) e operarios (18). Os fondos europeos sufragan a contratación ao 80%, e a Xunta de Galicia ao 20%. Xunto a esta subvención, completa a batería de medidas aprobadas a luz verde ao convenio coa Fundación laCaixa para o o programa de axuda económica para alimentación básica mediante o sistema de tarxeta moedeiro: 400 euros para 100 familias.
Finalmente, deuse conta da cesión ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dunha parcela emprazada en Mariñamansa para continuar cos trámites para a construción dun Centro Interxeracional por parte da Fundación Amancio Ortega.
Do mesmo xeito, o alcalde animou, fóra da orde do día, a levar a cabo políticas sociais sostibles a través da contratación pública: “A contratación pública non pode ser considerada como un fin en si mesmo senón como una potestade ou ferramenta xurídica ao servizo dos poderes públicos para o cumprimento efectivo dos seus fins ou as súas políticas públicas”, dixo Jesús Vázquez, “e os poderes públicos realizan una importante política de intervención na vida económica, social e política”. A este respecto, o Pleno do Concello de Ourense xa aprobara vai tres anos unha moción neste senso que nunca chegou a terse en conta.
Comunicado do comité de empresa de Seralia
Por certo que este xoves se coñecía un comunicado emitido polo comité de empresa de Seralia, a concesionaria do Servizo de Axuda a Domicilio e Dependencia
do Concello de Ourense, no que cualificaban de «insostible» tanto a situación do servizo como a situación laboral das traballadoras, polos «incumprimentos continuados» tanto do convenio laboral como do prego de condicións da concesión. Anunciaban que adoptarían medidas para poñerlle fin a esta situación se non se resolve.