O PSOE anuncia que seguirá “moi de preto” a tramitación da licenza da nova sede a CHMS

Logo do incumprimento do acordo plenario que obrigaba a substituir o proxecto.

O Grupo Municipal Socialista fai repaso das peticións formuladas ao alcalde e que se manteñen pendentes de resposta.

O primeiro deles (solicitado o 8 de outubro) é o custo exacto do seu persoal de confianza. “Asunto comprometedor para Jesús Vázquez o de facilitar un informe detallado do custo individual e total do persoal eventual e/ou funcionario que exerce a súa laboura nas dependencias ubicadas no Gabinete de Alcaldía e Comunicación da Casa Consistorial”, asegura o voceiro socialista, Vázquez Barquero, que engade que “só hai que visitar as dependencias de Alcaldía para coñecer de primeira man a situación de overbooking de persoal ao servizo do alcalde”

No relativo ao funcionamento dos servizos sociais do Concello, o PSOE destaca que, ao contrario do que anunciaba Sofía Godoy onte, o prego de contratación do Servizo de Axuda no Fogar non foi a súa aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, polo que Barquero prégalle que “deixe a propaganda e se poña a xestionar, que facilite a copia dos pregos da contratación do Servizo de Axuda no Fogar ao noso grupo municipal, pendentes dende hai xa 4 meses, ademais de poñer en marcha o Programa “Ourense Integra” e facilitarnos unha copia do proxecto, ó igual que un informe riguroso de Reorganización das UNIS municipais”

Vázquez Barquero tamén recorda que segue pendente de autorización por parte do Goberno Municipal para acceso e vista dos membros do seu grupo tanto o expediente de contratación das obras do proxecto de urbanización da Rúa Concejo coma o do proxecto de reparación da pasarela peatonal sobre o Río Barbaña, co cal conclúe que “da a impresión que teñen algo que ocultar no tocante a súa tramitación”.

O voceiro socialista tamén agarda que o vindeiro día 12 de febreiro, na constitución da Comisión de Investigación sobre a actuación do Goberno Municipal neste tema, proposta polo PSOE, se facilite a copia completa solicitada do expediente administrativo da xestión dos casos de lexionella na empresa concesionaria de limpeza (pendente dende o 27 de outubro).

Por último, tamén reclaman que seguen sen serles remitidas as facturas pendentes do Concello con Correos,  despois da súa petición formal o 22 de setembro.

 

Nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Así mesmo, recentemente o PSOE solicitou información adicional de varios asuntos urbanísticos, entre eles o da tramitación da licencia da nova sede da Confederación Hidrográfica Miño Sil, e lembran os socialistas que o Goberno Municipal “obviou o acordo plenario que os obrigaba a substituir o novo proxecto polo anterior anteproxecto gañador do concurso público”. Neste senso, Barquero anuncia que “de seguir adiante tanto o PP como a Confederación coa imposición deste proxecto, os socialistas estaremos vixiantes e tomaremos todas as medidas oportunas para garantir o interese xeral e defender a renovación da fachada urbana da zona dentro dun proxecto conxunto, non permitindo este tipo de chapuzas”.