O Concello de Ourense constituirá unha comisión de investigación sobre a concesionaria do matadoiro municipal

A proposta de Ourense en Común, que denunciaba desfases entre os datos de sacrificios e as taxas pagadas á Administración local.

O pleno de febreiro na corporación ourensá foi inusualmente breve (pouco máis de tres horas) e estivo marcado pola decisión de Democracia Ourensana de absterse en todas as mocións. Isto propiciou que o criterio do Partido Popular prevalecera á hora de aprobar ou rexeitar as propostas da oposición. Os de Gonzalo Jácome tomaran esta decisión como xeito de protesta ante o que consideran incumprimento reiterado das mocións por parte do Goberno local.

Así, malia que Ourense en Común apoiou a moción socialista para solicitar información do proceso de venda do Mosteiro de Santa Comba de Naves, en Palmés, a un particular por parte do Bispado, o voto en contra do PP foi determinante para que non se aprobara.

O PP conseguiu, só cos seus votos, aprobar unha emenda á segunda moción socialista, que pretendía paralizar o proceso de licitación do proxecto da nova estación de autobuses adosasda á estación de ferrocarril. A emenda insta a Xunta, Fomento e Concello a formalizar un convenio para a futura estación do AVE, na que se integre a terminal de buses que gañe o proxecto que está a licitar a Xunta. PSOE, OUeC e DO criticaron o deseño da estación de autobuses que propón a Xunta, unha “chapuza”, a xuízo de Jácome, que “hipoteca” a futura estación interodal.

A iniciativa de Ourense en Común para que o Concello implementase estratexias de inclusión activa, con seis acordos propostos, non conseguiu o apoio de ningún outro grupo; tan só se aprobou o punto referido á posta en marcha do plan “Ourense Integra” ao ter o voto favorable do PSOE.

Si prosperou, ao votar afirmativamente PP e PSOE, a solicitude de Ourense en Común de constitución dunha comisión de investigación da concesionaria do matadoiro municipal. O seu edil Miguel Doval explicou que non coinciden os datos de control de sacrificios coas taxas que ten que pagar a concesionaria en función das cabezas de gando sacrificadas. Desde o PP, a concelleira Ana Fernández Morenza admitiu a creación desta comisión porque “no tenemos nada que ocultar”, pero replicou a Doval que xa abriran un expediente informativo tanto ao funcionario encargado de controlar o matadoiro como á empresa concesionaria.

Finalmente, haberá unas xornadas de portas abertas no Centro de Coñecemento La Molinera, tal e como pedía OUeC. PP e PSOE votaron a favor, aínda que os dous partidos consideraron unha excusa o acordo proposto pola “marea” ourensá para poder falar da desaparición de material adscrito ao centro e orzamentado en máis de 21.000 euros.

DO non presentou ningunha moción nesta sesión plenaria.