O traballo gañador do III Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, ‘Renacer’, de Eva Díez, acaba de ver a luz nunha publicación que foi presentada en Ourense pola propia autora, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polos coordinadores do certame, Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez.

“Ás casas en ruínas que centran este proxecto, Eva Díez consegue devolverlles a vida que noutrora tiveron a través da luz”, explicou durante a presentación Anxo Lorenzo, quen afirmou que nas fotografías da autora “hai moito de poesía visual, de alegoría, de metáforas plásticas que nos achegan á temática do abandono, pero que á vez nos transmiten a forza das historias persoais que hai detrás de cada un destes espazos inhóspitos”.

“O xurado do premio captou e valorou esa emoción que se desprende da luz cálida e evocadora destras obras, que transitan por paisaxes de Galicia, pero tamén doutros lugares como Asturias, Cantabria, Menorca ou Barcelona”, dixo.

Nacido ao abeiro do Outono Fotográfico, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación Provincial de Lugo. O obxectivo do certame é situar a Galicia no circuíto internacional da fotografía e promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea.

Cunha dotación económica de 12.000 euros, o premio tradúcese na produción dunha exposición e mais na edición dun libro, xunto coa itinerancia da mostra.