A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, dentro da Campaña Acción de Verán que promove a Dirección Xeral de Xuventude, levará a cabo un Campo de Traballo Social e Medio Ambiental de ámbito internacional que se desenvolverá do 1 ao 11 de agosto, e no cal poderán participar 20 mozos de idades comprendidas entre os 18-30 anos. Destas prazas, sete se destinarán a persoas residentes na comunidade galega, as restantes xestionaranse directamente desde a Dirección Xeral de Xuventude. O prazo de inscrición, vía telefónica (988 386 112) ábrese este venres ás 09:00 horas. A cota de participación é de 110 euros.
O campo de traballo ‘Un rural para tod@s’ abranguerá aspectos prácticos coma o acondicionamento de terreos para uso agroecolóxico, incluíndo a construción de elementos de apoio (un pequeno alpendre para almacenaxe e un invernadoiro) e o deseño da horta para a plantación de verduras de outono inverno, pero tamén aspectos formativos relativos á comercialización de produtos agrícolas.
Tempo para o lecer na cidade
Porén, haberá tempo para o lecer con actividades diversas: unha visita e baño nas termas da nosa cidade e baños no río, xincanas, charlas de carácter social por parte das entidades colaboradoras do proxecto, un roteiro interpretada pola cidade de Ourense, obradoiros ambientais e de refugallo, un vídeo-forum e unha visita ao botánico de Montealegre
Para máis información, a Consellería de Xuventude pon a disposición dos interesados o seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran.html