Este ano cúmprese o 30 aniversario da súa victoria na Vuelta a España.

O ex ciclista profesional Álvaro Pino, natural do municipio pontevedrés de Ponteareas, será o pregoeiro da XIX Feira do Viño de Valdeorras. A lectura do pregón terá lugar o vindeiro sábado 16 de xullo, a partir das 12,30 horas, no decurso do acto institucional de inauguración da Feira no que participará, ademais, a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez.

Álvaro Pino foi seleccionado como pregoeiro cando se cumpren 30 anos da súa victoria na Vueta a España, na que superou a figuras de primeiro nivel como Laurent Fignon, Robert Millar, Sean Kelly ou Perico Delgado. Para Francisco García, presidente do Consello Regulador, “Álvaro Pino é unha figura emblemática do deporte galego e encarna valores de superación, traballo en equipo, solidariedade e sacrificio, que é preciso reivindicar na sociedade actual”. É un pregoeiro perfecto para esta edición da Feira do Viño de Valdeorras  “non só por se cumprir neste ano tres décadas do seu triunfo na Vuelta a España, senón tamén porque neste 2016 a carreira ciclista máis importante do país dá comezo na provincia de Ourense e discorre en territorio galego durante sete etapas (catro na nosa provincia), máis que en ningunha outra edición”.

O Luar do Sil, nova adega participante

Por outra banda, a adega O Luar do Sil, pertencente ao grupo Pago de los Capellanes, ubicada en Seadur (Larouco) confirmou a súa participación na Feira do Viño de Valdeorras, co cal son xa 18 as adegas inscritas para esta edición do foro vinícola, dúas máis que en 2015.

Xunto a isto, desde o Consello Regulador quérese sinalar que o sábado 16 de xullo pola noite actuará no recinto feiral o grupo Los Brothers, en lugar de Los Correctos, banda que foi anunciada por erro inicialmente. A actuación de Los Brothers terá lugar a partir das 22 horas.