Na Xunta de Goberno de setembro acordou tamén axudas por valor de máis de 200.000 euros para mellorar infraestruturas en diversos concellos da provincia.

A Deputación aproba as bases do XIV Premio “Pura e Dora Vázquez”

A deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, deu conta este venres dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 9 de setembro. Entre eles figuran a aprobación das bases reguladoras da XIV edición do Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración e ilustración, dotado con 1.500 euros para cada unha das modalidades.

A Xunta de Goberno tamén aprobou en materia de cooperación técnica aos concellos a adhesión dos concellos de Cartelle, Parada de Sil e  Xinzo de Limia  ao convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos da provincia para a prestación pola Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.

Axudas para melloras en infraestruturas

Tamén se aprobou, dentro do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos da rede provincial unha modificación relativa as obras no Concello de Melón. En concreto, substituír a obra inicial denominada “Vía de acceso ó velorio de Melón, 1ª fase, centro social, cultural e deportivo” por dúas obras: “Mellora de camiños municipais en núcleos de Quins e Melón” e “Mellora da rede eléctrica na iluminación pública en Codesas e Villaverde”, de acordo coa solicitude presentada polo concello.

Asemade, aprobouse a concesión dunha axuda en favor da Diocese de Ourense, por importe de 16.357,67 euros para levar a cabo obras na Capela de San Pedro de Viñao ubicada no concello de Punxín.

En materia de obras e infraestruturas a Xunta de Goberno aprobou para o Concello de Piñor unha achega de 33.749 euros para a substitución de cuberta e a mellora no Graneiro deste concello. Pola súa banda, Verín recibirá unha axuda de 75.000 euros destinada a reparación das cubertas do pavillón de deportes; e o de Cortegada será beneficiario dunha axuda por importe de 30.000 euros para levar a cabo as obras consistentes na urbanización da vía de servizo do parque empresarial deste concello.

Asemade a Xunta de Goberno aprobou en materia de servizos sociais a concesión dunha axuda de 50.000 euros á Fundación Gavela, para gastos de funcionamento e mantemento da entidade no ano 2016.