A Xunta concede 5 millóns de euros, en convenios con 46 concellos, para mitigar os danos ocasionados polos incendios forestais deste ano

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou Cualedro para comprobar a situación das vivendas, infraestruturas e explotacións agrícolas e gandeiras afectadas.

A Xunta de Galicia firma con 46 concellos convenios para mitigar os danos ocasionados polos incendios forestais deste ano por un importe de 5 millóns de euros para sufragar os gastos de obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello de Cualedro para, acompañado do seu alcalde, Luciano Rivero, facer un percorrido polo municipio para interesarse pola situación das vivendas, infraestruturas e explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos lumes e que, grazas ás medidas e compromiso do Goberno galego, están a ser paliadas de maneira urxente.

No caso de Cualedro, Manuel Pardo informou que, a través deste convenio, a Xunta vén de facer unha achega de preto de 244.000 euros para paliar os danos causados e atender ás situacións de necesidade, cubrir os gastos de limpeza e restauración destes, costear a recollida e traslado de restos, a adquisicións de diverso material necesario para a reposición dos servizos afectados polos incendios ou para a posta á disposición do persoal de emerxencias despregado na zona.

Así por exemplo, contémplase o saneamento en Muimenta, Montes e Pedrosa; a reparación de estradas en San Millao, e a que une As Estivadas con Baldriz; a recuperación do entorno de captacións de auga municipal; o acondicionamento de infraestruturas turísticas e restauración patrimonial.

Estas axudas tamén cobren os custos de limpeza e restauración ambiental; ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, finánciase os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivo que asumir.

Axudas desenvolvidas
Manuel Pardo achegouse a unha vivenda dun particular que percibiu unha axuda da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de máis de 148.000 para a rehabilitación da súa vivenda habitual afectada polos incendios forestais deste verán. Alí explicou que neste caso, este veciño percibiu 132.000 euros para rehabilitación ou para a súa reconstrución do inmoble declarado ruinoso. Do mesmo xeito, tamén recibiu axudas para renovar o enxoval doméstico cunha contía de 16.200 euros.

Na visita, o delegado territorial salientou que durante o operativo de emerxencia para garantir a alimentación do gando nas explotacións afectadas polos incendios forestais subministráronse no Concello de Cualedro 94.600 kg de herba seca e 28.540 kg de palla, e adiantou que dende a Consellería do Medio Rural vanse investir máis de 190.000 euros na mellora de infraestruturas viarias, na mellora da rede de drenaxe, na restauración hidrolóxica e de hábitats e na eliminación da madeira queimada na área afectada polo incendio forestal de Oímbra, que atinxe aos concellos de Cualedro, Xinzo de Limia, Baltar, Verín e Oímbra.

Tralo percorrido, Manuel Pardo salientou tamén a acción de voluntariado organizada pola Xunta, que tivo como obxectivo ofrecer unha resposta rápida a dous grandes problemas ocasionados polos incendios forestais: os problemas hidrolóxicos, de erosión e de contaminación dos solos, e as necesidades de alimentación da fauna silvestre supervivente.

Deste xeito, remarcou que a Xunta activou en outubro este plan especial de voluntariado deseñado para contribuír á protección e recuperación daqueles concellos da provincia de Ourense que resultaron afectados polos incendios forestais do pasado verán e que contan dentro do seu territorio con espazos amparados baixo algunha figura de protección.

Así, detallou o delegado territorial que arredor de 500 persoas se despregaron en zonas seleccionadas dunha ducia de concellos ourensáns durante as tres últimas fins de semana de outubro e a primeira de novembro, levando a cabo un total de 22 intervencións, baixo a coordinación e supervisión de axentes ambientais e de persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

E concretou que unha das principais tarefas das persoas que participaron nesta iniciativa foi colaborar na colocación de acolchados de palla, fibras de madeira e outros materiais para crear faixas protectoras en zonas afectadas polo lume e con pendentes elevadas.