Xabier Ferreiro, fillo do poeta, presentou ‘O Cabronario’ -poemas antifranquistas en castelán- e ‘Pido unha patria ao mundo’ -recompilación de inéditos- dous fitos na recuperación da obra social e política do autor celanovés.
A palabra de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) resoou forte en Celanova, forte e rexa na mellor tradición da poesía de combate, do escarnio dos poderosos, porque ás veces contra os tiranos non hai outro acto posíbel de resistencia que a palabra. A palabra antifascista, como subliñou Ramón Nicolás e o editor Xavier Romero, do libro ‘O Cabronario’ (Editorial Elvira, 2024), poemas escritos durante a ditadura nos que Celso Emilio ispe Franco, o príncipe Borbón, os militares e e os baluartes católicos. A palabra comprometida do poeta celanovés, arredista nas Mocidades con Pepe Velo, fundador da UPG, nacionalista sempre, antiautoritario e rebelde desde a cerne até a fin, volveu a Celanova da man de seu fillo Xabier nun acto de reivindicación da loita contra o franquismo e da loita contra a impunidade franquista que se perpetúa 50 anos despois.
No Auditorio Ilduara de Celanova, léronse algúns poemas do Cabronario e de ‘Pido unha patria ao mundo’ (Editorial Elvira, 2025), outra compilación inédita publicada hai apenas uns meses por un editor valente, Xabier Romero. Léronse, entre outros, ‘Soneto de Paco el cabrón’, ‘Aquí yace media España’ e ‘Coplas que canta el vulgo’, e de ‘Pido unha patria…’, un dedicado a Moraima: ‘Abril 1972’ e tamén ‘A pesares do que pasa’.
O acto contou coa presenza do alcalde de Celanova, Antonio Puga, e da tenente de alcalde, Teresa Barge, e a colaboración do Concello de Celanova. Apenas unhas trinta persoas asistiron á presentación, o que en opinión do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten que ver non só con certa apatía propia dos tempos que vivimos, senón tamén co molesto que segue a resultar Celso Emilio na súa vertente máis política para quen determina hoxe as marxes da vida cultural dunha vila como Celanova, lonxe quedan os días das grandes homenaxes aos grandes poetas e grandes homes.
As Xornadas de Memoria Antifascista sobre A Transición Española rematarán o próximo sábado, 29 de novembro, na Casa dos Poetas en citas de mañá (11.45 horas) e tarde (16.30), coas conferencias do historiador Francisco Redondo e da activista Adela Figueroa sobre o TOP e as loitas populares durante a Transición, en base aos seus artigos publicados na obra colectiva ‘A Transición na Galiza’ (Laiovento, 2023); e, pola tarde, unha mesa redonda con protagonistas ourensáns da Transición: Manuel Peña Rey, Dolores Alonso Reverter, Nemesio Barxa e Alfredo Suárez Canal.




