Volve a Carreira Pozo do Demo

Celebrarase o 29 de marzo.

O Concello de Verín presentou en rolda de prensa, xunto coa Asociación de Sendeiristas Ruta das Augas, a recuperación da Carreira Pozo do Demo, unha proba histórica do calendario deportivo verinés que regresará o vindeiro 29 de marzo tras varios anos sen celebrarse, interrompida desde antes da pandemia.

A última edición da carreira tivo lugar no ano 2018, polo que esta recuperación supón a celebración da 8ª edición da proba. Pola súa banda, a andaina popular, que se mantén como un dos piares do evento, acadará nesta edición a súa 14ª convocatoria, consolidándose como unha actividade de referencia para todos os públicos.

A presentación do evento correu a cargo do concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo Moura, e de Amaia Álvarez Vitutia, en representación da Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas, quen destacaron o «valor simbólico e social da recuperación dunha proba moi vencellada ao territorio e á práctica deportiva popular».

O evento está organizado polo Concello de Verín en colaboración coa Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas e conta nesta edición cun amplo equipo de entidades colaboradoras. Entre elas atópanse firmas e entidades do ámbito privado como Comartin, GADIS, Cabreiroá, Enredo, KTORCE ou RC Training, así como o apoio institucional do Concello de Vilardevós, a participación dos dispositivos de seguridade de Protección Civil Verín e Protección Civil Vilardevós, e a implicación do tecido empresarial local a través de AEVER, configurando unha rede de cooperación que fai posible a recuperación da proba.

Neste sentido, Diego Lourenzo Moura puxo en valor durante a presentación «a importancia de sumar esforzos e traballar de maneira coordinada entre administracións, asociacións e empresas locais para facer posible eventos deportivos de primeiro nivel como a Carreira Pozo do Demo».

O concelleiro subliñou que «este tipo de colaboracións permiten non só recuperar probas con historia, senón facelo con garantías, calidade organizativa e unha visión a longo prazo», ao tempo que quixo «agradecer expresamente o traballo e a implicación de todas as persoas e entidades organizadoras, sen cuxo esforzo esta recuperación non sería posible».

Durante a presentación destacouse tamén que a iniciativa nace da colaboración entre a administración pública, o tecido asociativo e a iniciativa privada. Ruta das Augas é unha asociación sen ánimo de lucro activa dende 2006 e responsable, dende 2011, da organización da Andaina do Pozo do Demo, unha cita xa consolidada que reúne cada ano arredor de medio milleiro de participantes. A proba competitiva —a carreira ou trail— sufriu un parón temporal, pero retómase agora grazas ao interese compartido de distintos axentes por recuperar este evento.

O Pozo do Demo é un espazo natural emblemático para o pobo de Verín que, con todo, non sempre foi plenamente coñecido pola propia veciñanza. A celebración do trail contribuíu a poñer en valor este entorno, permitindo descubrir os camiños e a cascada da que tantas veces se oíra falar, reforzando así o vínculo da comunidade co seu territorio.

Volver ao monte como símbolo de recuperación
Segundo destacou Amaia Álvarez, a edición deste ano quere poñer o foco no reencontro co monte un ano despois dos lumes, reivindicando o deporte como unha ferramenta para volver habitar os espazos naturais desde o respecto e o coidado.

As inscricións poderán realizarse:
• De xeito presencial en Multisport Verín para a andaina.
• Online a través de Saudeter tanto para a andaina como para o trail