As estacións de servizo rurais modernízanse

A Xunta conta cunha achega de máis de 100.000 euros para a modernización tecnolóxica e dixital de 14 destas estacións.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, subliñou a aportación do Goberno galego de máis de 100.000 euros a 14 estacións de servizo da provincia de Ourense ao abeiro da orde de axudas de 2025 encamiñadas á modernización tecnolóxica e dixital, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a seguridade destes establecementos.
Así o fixo no concello de Ríos, onde se desprazou para, da man da súa alcaldesa, Eva Barrio, visitar as instalacións de Vec Riós SL, unha das empresas beneficiarias no marco desta convocatoria, nas que a Consellería de Economía e industria investiu 30.000 euros para a implantación de sistemas e equipamentos asociados ao pagamento; a integración de plataformas dixitais para a optimización da operativa de adquisición de produtos e servizos; e a adquisición de sistemas e equipamentos dirixidos a mellorar a seguridade do establecemento.

O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía en Riós para lembrar que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria destes apoios ata o 9 de marzo cun orzamento de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores.
Nesta liña, explicou que estas achegas van dirixidas as estacións de servizo situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben, como novidade, naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de máis de maior poboación.
A orde -explicou Manuel Pardo- busca que as estacións de servizo situadas en zonas do rural e, polo tanto, máis despoboadas, poidan ofrecer o maior número de produtos e servizos, precisamente para que os veciños teñan todo o que poidan necesitar ao seu alcance.

Actuacións subvencionables
O representante do Goberno galego detallou que, como o ano pasado, estes apoios cobren as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, así como outros equipamentos de pagamento e plataformas para a adquisición de produtos e servizos. Tamén a instalación de sistemas de seguridade, e a adquisición de grupos electróxenos e de alimentación interrompida para dar soporte eléctrico. Ademais como novidade deste ano, tamén financian a adquisición e instalación de desfibriladores.