O termalismo e as Estrelas Michelín da provincia únense

A Deputación lanza un novo programa que mestura o sector termal e estes restaurantes.

A Deputación de Ourense pon en marcha un novo programa, Termalismo con Estrelas, para promocionar dous dos recursos turísticos máis importantes do territorio: o sector termal e a gastronomía. Unha iniciativa innovadora que fusiona estancias nos balnearios coa excelencia que representan os tres restaurantes con Estrela Michelín da provincia: Miguel González, Nova e Ceibe.
O novo programa foi presentado coa presenza do presidente da Deputación, Luis Menor, os chef Miguel González, do establecemento que leva o seu propio nome; Daniel Guzmán e Julio Sotomayor de Nova; e Xosé Magallaes de Ceibe.

Luis Menor, que agradeceu a disposición do restauradores a complementar o termalismo coa “excelente” cociña, subliñou a oferta que suporá a fusión de dous recursos cabeceira da marca turística ourensá. Un programa que volve a demostrar dixo, que “non deixamos de explotar e explorar un dos eixos estratéxicos da nosa provincia como é o sector termal”.
Neste sentido, o presidente provincial animou a todo o mundo a participar nesta iniciativa e deixarse “sorprender” dunha experiencia que mostra o compromiso da Deputación pola innovación para que a provincia sexa “un destino turístico sostible de calidade e único”.

Cada un dos tres restaurantes decidiu o menú máis adecuado para este programa piloto, dentro dos que xa ofertan a diario, para respectar a esencia do que é a experiencia gastronómica nestes locais, referentes culinarios ourensáns.
Neste sentido, Daniel Guzmán, en presentación dos chefs, cualificou como “algo único” que se poña en valor desde a administración os restaurantes coa Estrela Michelín, sendo a mistura de termalismo e gastronomía “é un gañamos todos”.

Máis de 50.000 usuarios da Oficina Termal AVE
Cabe destacar que a presentación deste programa realizouse na Oficina Termal AVE que a Deputación de Ourense ten na estación intermodal, única en España. Un espazo de promoción da oferta balnearia da provincia, agora reformado, que o presidente provincial quixo destacar polos seus bos resultados: preto de 60.000 persoas pasaron por eta oficina desde a súa inauguración, hai agora un ano.

Primeira experiencia piloto para 40 persoas do 16 ao 21 de marzo
“Termalismo con Estrelas” ofertará estancias de 6 días e 5 noites de luns a venres en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, acceso ás piscinas de auga mineiromedicinal termal, asesoramento médico voluntario e tres comidas nos citados restaurantes con Estrela Michelín.

Nesta primeira quenda piloto, que será do 16 ao 21 de marzo, poderán participar ata un máximo de 40 persoas para garantir que a experiencia sexa o máis personalizada posible. Unha vez realizada esta primeira quenda, analizarase a resposta para programar as seguintes.
As comidas nos tres restaurantes serán os martes, mércores e xoves e os interesados poden reservar a súa praza desde este venres a partir das 10.00 horas. Para máis información pode consultarse a páxina web de termalismoourense.com.

Os menús dos restaurantes con Estrella Michelín
Os menús escollidos polos restaurantes Estrella Michelín que participan no programa son os seguintes: “Auria”, no caso do restaurante Miguel González para poñer en valor a súa cociña de “recordos, sensacións e técnicas” baseada no que recibe do mercado, da lonxa ou do campesiño, sen saber ningún día cal será o produto.
O Restaurante Ceibe opta por “Enxebre”, no que traballa con materia prima de proximidade e de tempada unido ás bases da súa cociña, onde lidera a cultura e a tradición que representan a Galicia.
Por último, Restaurante Nova optou polo menú que leva o seu nome, xa que representa unha cociña de raíces que trata de plasmar unha base gastronómica herdada dos nosos maiores onde o fío condutor é a frescura.