Expourense acolle a II Feira “Educa Ourense”

Un punto de encontro entre centros formativos, alumnado e familias.

Expourense, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, impulsan a segunda edición da Feira “Educa Ourense. Espazo de Innovación e Colaboración Educativa” que se celebrará no recinto feiral os días 25 e 26 de marzo. Esta cita ten o dobre obxectivo de consolidase como o espazo no que a mocidade poida recabar información e orientación cara o seu futuro, así como tamén converterse nunha ferramenta para o persoal docente para que estableza sinerxias innovadoras e colaborativas que poidan contribuír ao seu desempeño profesional. Un total de 55 expositores presentarán a súa oferta formativa e profesional para facilitar unha axeitada elección na toma de decisións sobre o futuro profesional do alumnado.

O éxito da primeira edición celebrada en 2025, levou aos organizadores a poñer en marcha unha nova feira, con maior espazo de exposición e número de participantes que contribúe ademais a dar a coñecer a excelencia do sistema educativo galego e do seu equipo docente. “Educa Ourense” celebra a súa segunda edición concibida como un espazo aberto de intercambio, aprendizaxe e relación entre alumnado, profesorado, equipos directivos, centros educativos e entidades vencelladas ao ámbito formativo. Durante a súa celebración, Expourense converterase nun lugar de diálogo e conexión onde se compartirán experiencias reais, boas prácticas e proxectos que reflicten unha educación viva, innovadora e comprometida co territorio.
Por outro lado, a feira tamén quere dar visibilidade aos proxectos innovadores desenvolvidos nos centros da provincia de Ourense, poñendo en valor iniciativas que reflicten unha educación inclusiva, creativa e adaptada aos retos do século XXI.

Durante o evento presentaranse proxectos que amosan novas metodoloxías de ensino, o uso responsable das tecnoloxías emerxentes e enfoques orientados á sustentabilidade, ao benestar e á creatividade, evidenciando a capacidade dos centros educativos para adaptarse aos cambios e contribuír á transformación educativa desde a innovación pedagóxica.
O horario de feira será o mércores 25 de marzo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h e o xoves 26 de 10:00 a 14:00 h. A entrada é gratuíta.

Centros educativos e universidades participantes
No que atinxe ás universidades participantes, ademais das tres universidades públicas galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo-Campus Auga e Universidade de A Coruña) así como a UNED en Ourense. Tamén estarán a Universidade Pontificia de Salamanca, Centro de Estudios Universitarios CEU San Pablo (Madrid), CESUGA (A Coruña), Universidad Nebrija (Madrid), Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital U-Tad (Madrid), Universidad de Deusto (Madrid/País Vasco), Universidad Europea de Madrid, Residencia Universitaria Camplus (Sevilla, Pamplona, Oviedo, Castellón), Universidade UNIE (Madrid), Universidad Intercontinental de la Empresa (ABANCA), la Escola Politécnica de Viana do Castelo (Portugal), Forein Study league (Madrid) e Universidad Francisco de Vitoria (Madrid).
Participarán ademais outros centros de formación especializada de Ourense como Big Formación, Multimedia School, Kilómetros y Millas, SAFE Formación ou Talleres José María. Dende A Coruña participará como expositor a Escola de Pilotos Atlantic Air Academy.

Tamén presentarán a súa oferta formativa outras entidades como a AGACAL da Consellería do Medio Rural ou os Polos de Emprendemento da Consellería de Economía, Comercio e Emigración, ou a propia Deputación provincial de Ourense que contará cun área destinada á Centro Cultural Xaquín Lorenzo Xocas.
Participan ademais outras entidades públicas e privadas como a Tesorería General de la Seguridad Social, o grupo Recoletas Salud, a Policía Nacional e a Garda Civil.
Os centros educativos que participarán como espazos de innovación serán, entre outros: Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, CIFP A Farixa, CIFP Vilamarín, CIFP A Carballeira, CIFP Portovello, IES O Ribeiro, IES Manuel Chamoso Lamas, IES Universidade Laboral, IES 12 de outubro e a Escola de Arte Antonio Failde.