Un mundo ideal (con cheiro a cereixa silvestre)

Cartas desde Copenhague

Neste preciso momento no que a realidade é exactamente o mesmo que a sátira, o labor dos cómicos dedicados á parodia é surrealista. Neste mesmo mundo, o labor de escribir intentando achegarnos o máis posible á verdade faise cada vez máis difícil. En moitos países é directamente imposible. E non me estou referindo (só) a Irán, onde a policía da moral executa a censura ao pé da letra. Da letra que eles ditan apropiada, por suposto. Novamente chégannos noticias de varios estados nos EEUU onde obras de Stephen King, George Orwell ou Margaret Atwood, entre outros, son sacadas dos andeis de librerías escolares por promover ideas que corrompen a moral dos máis novos.

Acto seguido abres Instagram e tropézaste coa moral que supostamente hai que implementar. Unha moral envolta nun discurso que, abertamente e sen ningún tipo de pudor ou complexos, lanza un programa de contención contra a corrupción a expensas dos dereitos das minorías e das mulleres. Sorprendentemente —ou non—, para isto non se aplica ningún tipo de censura. Só o suxerir que se faga desata todo tipo de debates sobre a liberdade de expresión.

Están todos aí, nese caldo de cultivo que son as redes sociais. Convivindo ao mesmo tempo, facendo un ruído enxordecedor no que todos cremos que a nosa opinión debería ter poder de lei. Así é a vida. Onte Instagram era unha plataforma para compartir fotos e hoxe é un campo de batalla ideolóxico liderado por algoritmos que, en 45 segundos, forxan ideas que terán nefastas consecuencias durante moitos anos. Pero claro, onte internet non existía.

Non temades! Mark ten a solución. Actualmente, en México, Filipinas e Xapón, Meta está a experimentar coa posibilidade de introducir Instagram Plus. Entre as opcións que se barallan están a posibilidade de ver audiencia anonimamente, a extensión da duración das historias a 48 horas, a creación de listas de audiencia ilimitadas e o “spotlight” de historias. Todo isto por un módico prezo de saída de menos de 2 euros ao mes. A liberdade ao alcance do peto de calquera mortal cun teléfono móbil na man. Para que? Destruír a democracia? Ai, non nos poñamos pesimistas, que todo vai ben. Se non, a IA rescataranos e faranos —aínda— máis libres. Moza, non quería parafrasear a Aladdín por se me acusan de terrorista doméstica, pero isto é “un mundo ideal”. Para non deixarse levar. Iso si, quen necesita o xenio da lámpada cando tes a estes líderes mostrándote o camiño?

Máis aló das melloras nas redes sociais, ante os recortes en cultura, xustiza e dereitos por parte do hexemón da democracia, acaban de sacar o último en produto de hixiene privado (marketizado principalmente para mulleres). Trátase duns pos máxicos que podes levar no teu bolso e usar para ir ao baño en casa do teu ligue e non deixar pegada. Ou, se a deixas, que cheire a cereixa silvestre.

Isto é un invento e non a penicilina. Se ás portas da Terceira Guerra Mundial aínda non tiñamos o produto capaz de converter as nosas feces en algodón de azucre, que sentido ten gastar diñeiro en mandar astronautas á lúa? Ante a imposibilidade de defecar a gusto en casa dun descoñecido co que levas dúas citas e media, esa sensación de inxustiza da que falaba Orwell adquire todo o seu esplendor e sentido.

Todo é atopala e usala como punto de apoio para cambiar o mundo. Non te esquezas de tirar da cisterna e baixar a tapa. Os avances na ciencia son irrefutables, pero manter un decoro básico é esencial.

Raquel Sertaje