A andaina e trail de Allariz abren inscricións

Para todas as idades.

O Concello de Allariz presentou os detalles da 27ª Andaina e o 5º Trail de Allariz, que se celebrará o vindeiro 14 de xuño. No acto, a alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, estiveron acompañados polos coordinadores deportivos Javier López e Roberto Naranjo para presentar unha cita que agarda atraer a centos de participantes cara ás paisaxes do municipio.

Xestión deportiva e respecto ambiental
A alcaldesa, Cristina Cid, puxo en valor o impacto da proba no municipio: «Este evento demostra que Allariz é un referente en xestión deportiva e respecto ao medio natural». A Alcaldesa sinalou que a edición deste ano ten un significado especial ao estar dedicada, a través do seu cartel, a Paco García, figura clave para Allariz, e á Agrupación de Protección Civil, en recoñecemento ao seu labor altruísta. «É un orgullo que unha proba técnica e esixente como esta naza do esforzo colectivo de Allariz e da súa xente», afirmou.

Variedade técnica e deporte base
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Carlos Puga, subliñou o deseño técnico do evento: «Ofrecemos dende o Trail Longo de 35 km, cun desnivel de +1400 metros e que puntua para a Liga Provincial, ata o Mini-trail de 8 km para quen queira iniciarse». Puga destacou que a estrutura de saídas graduadas (09:00, 10:00 e 11:00 h) permite unha xornada continua que culminará co Trailciño, as probas infantís gratuítas para nenos e nenas dende os 6 anos.

Sostibilidade e Inscricións
O evento mantén o seu firme obxectivo de «residuo cero», polo que non se facilitarán vasos de plástico nos avituallamentos, instando aos participantes a portar o seu propio kit de hidratación.
As inscricións xa están abertas en Sportmaniacs cunha tarifa reducida (ata o 24 de maio) de 18 euros para os trails e 12 para as andainas. Máis información sobre as bases: Na plataforma Sportmaniacs ou na web municipal.

Modalidades
O Trail Longo consta de 35 km (ompetición puntuable) con 1400 m desnivel; a Andaina Longa de23 km, para afeccionados á longa distancia; o Trail Curto (18 km) e tamén puntuable e conta con 840 m desnivel; Andaina Curta (14 km) cun percorrido pola contorna natural; Mini-trail e Mini-andaina (8 km), unha modalidades de iniciación e familiar; e Trailciño que son carreiras para a infancia (gratuítas).