Concretamente para as do Carballiño e Xinzo de Limia.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinaron, co alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, e co rexedor de Xinzo de Limia, Amador Díaz, senllos convenios de colaboración para a mellora das prazas de abastos de ambos municipios, cunha achega autonómica conxunta próxima aos 1,3 M€. No acto no que tamén estivo o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o conselleiro puxo en valor a colaboración interinstitucional que fará posible a modernización destes espazos, dentro do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes e, máis especificamente, do protocolo asinado coa Deputación para a mellora das prazas de abastos da provincia ourensá.
Así, González salientou que hai tres meses sentáronse as bases da cooperación entre a Xunta e a Deputación de Ourense para impulsar a mellora e modernización das prazas de abastos co fin de potenciar a súa actividade e dinamizar a economía local. Foi a través dun convenio de colaboración que prevía a posterior sinatura dos pertinentes convenios municipais, como os que hoxe se materializan cos concellos do Carballiño e Xinzo de Limia.
Recordando que ambas prazas de abastos contan con diagnoses de situación e usos dos mercados, e cos correspondentes proxectos de reforma de cara á consecución do selo de Mercado Excelente, o titular de Comercio apuntou que os convenios recollen as actuacións que se van levar a cabo e o orzamento necesario, do que a Consellería achegará o 70 %, a Deputación o 20 % e cada un dos concellos o 10 % restante, tal e como quedara establecido no protocolo e como tamén se recolle na folla de ruta autonómica ao efecto.
Convenio do Carballiño
No caso do Carballiño, o Consello da Xunta autorizou onte a sinatura deste convenio por un importe superior aos 1,4 M€ dos que o Goberno galego achegará algo máis de 1 M€. A actuación bianual para identificar a praza de abastos carballiñesa coa calidade e o prestixio e potenciar a súa actividade comercial como atractivo de interese turístico permitirá renovar por completo as instalacións aumentando os servizos á clientela e fomentando a modernización e dixitalización, procedéndose este ano coas actuacións previas e coa adquisición dos materiais para garantir a execución das obras en 2027.
Así, tras as derrubas precisas e actuacións en fachada e cuberta, procederase cos traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanaría, electricidade, ventilación ou climatización. Tamén se actuará en pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios ou na xestión de residuos.
Convenio de Xinzo de Limia
No que respecta a Xinzo de Limia, trátase dunha actuación para este 2026 por preto de 210.000 euros, dos que a Xunta achegará case 147.000 euros, e que completa os traballos xa realizados con anterioridade no marco da colaboración entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello limiao. En total, destacou o conselleiro, o investimento autonómico neste caso a través de diferentes apoios rolda o medio millón de euros.
Tamén coa vontade de converter o mercado nun gran escaparate do produto galego de calidade, estreitamente ligado ao territorio, á sustentabilidade e ao trato próximo, coa aspiración de conseguir o distintivo de Mercado Excelente, nesta praza faranse traballos de adecuación e mellora. En concreto, incidirase en revestimentos e acabados interiores, no illamento, mobiliario ou na ventilación e climatización.
José González lembrou que na provincia ourensá hai máis mercados que poderían ser obxecto desta colaboración, mencionando o caso específico da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, aproveitando a ocasión para volver manifestar que a Xunta segue coa man tendida ao Concello para que avance por fin no único camiño posible: unha vía consensuada, que atenda as necesidades de persoas usuarias e clientela e que permita desbloquear canto antes a situación xerada polas decisións do goberno municipal.
Plan estratéxico do comercio 2025-2030
O conselleiro destacou que a mellora das prazas se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025–2030, que prevé acadar 10 prazas certificadas como Mercados Excelentes este ano e 25 no 2030. Para reafirmar este compromiso, a Xunta celebrará o 30 de maio a campaña europea Quere o teu mercado nas catro provincias e seguirá espallando a iniciativa Prato de Mercado, a prol das sinerxías coa gastronomía.





