610 quilos de pulpo para a tapa máis grande

As pulpeiras e pulpeiros do Carballiño elaboraron a tapa de pulpo máis grande do mundo na Praza Maior da vila.

Con 610 quilos de cefalópodo, lograron superar a marca de 600 quilos lograda na pasada edición. Pouco despois das 20,00 horas, centos de persoas congregadas para ver en directo o fito corearon a habitual conta atrás, trala que as pulpeiras e pulpeiros iniciaron o corte no gran prato de 5,37 metros de diámetro. Unha vez rematada a elaboración, os asistentes puideron degustar do pulpo, aderezado con 55 litros de aceite, 8 quilos de sal e 3 quilos de pementón doce e picante.

A organización repartiu arredor de 1.850 racións entre os asistentes, que desfrutaron na Praza Maior do tradicional pulpo á feira, así como de viño, pan e postre. O ticket tamén incluía unha pulseira, un imán e o propio prato da tapa, como recordo da ocasión. DJ Tibu e Os Serandeiros encargaronse da ambientación musical da xornada, impulsada polo Concello do Carballiño en colaboración coa Asociación de Pulpeiros do Carballiño.

Música, cine e deporte
A programación da 64ª Festa do Pulpo continúa o 5 de agosto, coa Banda de Gaitas Os Catro Ventos, que ofrecerá o concerto teatralizado na Praza Maior ás 21,00 horas.
O xoves, día 6, será a Changaranga a que actúe polas rúas da vila, e tamén se levará a cabo a proxección da película “Lúas do setembro” de Carlos Montes na Praza Maior. Ao día seguinte, venres 7, actuará o El mura y su tradición cubana ás 23,30 horas na Praza Maior.

O sábado, día 8, a Casa Consistorial acollerá a recepción oficial das autoridades convidadas, chegadas desde Lanzarote -a quen se lle adica esta edición da Festa do Pulpo-, Alijó (Portugal), Mogán, Sevilla e Noventa Padovana (Italia). Xa pola tarde terá lugar a Festa das Camisetas na Praza Maior desde ás 18,00 horas. A cita contará coa ambientación musical de DJ Tibu e Batucarba.

Xa o domingo, o día grande, celebrarase a 64ª Festa do Pulpo a partir das 11,00 horas. Nas rúas da vila haberá ambientación musical desde esa hora con Castro Bello, Doctor Anchoa, Ademais dos postos de artesanía e das tabernas e pulpeiras, haberá ambientación musical con Castro Bello, Doctor Anchoa e Os Serandeiros. No Parque Municipal haberá música tradicional ata as 18,00 horas con Feitizo de Pau, Catro Ventos, As Mainas, Feixoada, Pataghullos e Oviravai. Ás 18,00 horas comezará a Festa da Xuventude e xa á noitiña, ás 21,00 horas, actuará a Orquestra Chanel na Praza Maior.