As axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración buscan incentivar o consumo, atraer clientes e reforzar o pequeno comercio local.
A Xunta de Galicia destina preto de 263.000 euros á dinamización de seis centros comerciais abertos da provincia de Ourense, no marco da última resolución das axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas a impulsar a actividade comercial.
As entidades beneficiarias son os centros comerciais abertos de Ourense, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Celanova, Verín e O Carballiño. O obxectivo destas achegas é apoiar actividades que contribúan a incentivar o consumo, atraer clientes e incrementar as vendas, reforzando o papel do comercio local no desenvolvemento económico e social das vilas e cidades ourensás.
No caso do Centro Comercial Aberto de Ourense, a achega da Xunta achégase aos 44.000 euros. A distribución provincial complétase cos preto de 25.000 euros para Xinzo de Limia, 44.000 para O Barco de Valdeorras, 44.000 para Celanova, preto de 75.000 para Verín e 32.000 para O Carballiño.
A orde de axudas introduce, ademais, novos criterios de valoración centrados na formación dos comerciantes, a fidelización da clientela e a capacidade para atraer novos establecementos asociados. Como novidade nesta convocatoria, tamén se subvencionan os servizos de ludoteca e os espazos de lecer infantís.
As actuacións enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que aposta pola modernización, a innovación, a sustentabilidade e as novas tecnoloxías para incrementar a competitividade do comercio galego e consolidar o sector como unha actividade profesional, cualificada e de calidade.
Neste contexto, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a sede do Centro Comercial Aberto de Ourense para trasladar ao seu presidente, Luis Rivera, a concesión da axuda. Durante a visita, puxo en valor o papel destes centros na dinamización do sector e no apoio aos pequenos negocios.





