E hoxe fan parada no Carballiño e Xinzo de Limia.
As 46ª Xornadas de Folclore volveron encher de música, danza e tradición internacional a provincia de Ourense. Na noite deste sábado, a programación fixo parada en Entrimo e Castro Caldelas, onde os diferentes grupos participantes ofreceron ao público unha mostra das culturas tradicionais de seis países.
Na Alameda de Entrimo actuaron as formacións de Armenia, México e Senegal. O público puido gozar do Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center, da Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua e do Ballet Jammu, que reuniron un total de 77 artistas sobre o escenario.
Ao mesmo tempo, na Praza do Prado de Castro Caldelas a programación contou coas actuacións do Elenco Ñukanchik, de Ecuador, do Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia, e do YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán. En total, foron 92 artistas os que levaron á vila caldelá os seus ritmos, vestiarios e tradicións.
Xinzo e Carballiño
A ruta das Xornadas continúa hoxe, domingo 16 de agosto, con dúas novas citas en Carballino e Xinzo de Limia. En Xinzo, a festa comezará antes da actuación cun desfile ás 20.00 horas, que partirá do Parque do Toural e percorrerá as rúas ata a Praza Carlos Casares. A comitiva estará formada polos grupos de Armenia, México e Senegal, os mesmos que posteriormente ofrecerán o seu espectáculo na praza, a partir das 20.30 horas.
Pola súa banda, O Carballiño acollerá ás 22.30 horas, no Auditorio da Praza da Veracruz, as actuacións das formacións de Ecuador, Serbia e Taiwán: o Elenco Ñukanchik, o Folk Dance Group “Tucović” e o YiTzy Folk Dance Theatre.
Deste xeito, as Xornadas de Folclore seguen espallando pola provincia unha programación que reúne preto de 170 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, México, Senegal, Serbia e Taiwán. As actuacións son de acceso gratuíto e forman parte dun festival que percorre 16 localidades ourensás ata o vindeiro 20 de agosto.





