Tributo ás Dollys e Glorias da miña vida

Cartas desde Copenhaguen

Setembro, co reinicio tras o parón estival e as súas promesas de novos comezos, é un segundo xaneiro. En Dinamarca, as árbores xa anuncian a perda da súa frondosa follaxe e o sol vaise distanciando para dar paso a unha escuridade que se instala lenta, pero irrevocablemente, facendo os días cada vez máis curtos. Con todo, os comezos tamén implican unha perda. Non podes iniciar algo sen deixar outras cousas atrás.

O meu verán de 2026 deixa unha chea de recordos marabillosos: a casiña de Bad Bunny en Estocolmo, a celebración da segunda estrela da Vermella no meu pobo, a oportunidade de experimentar a beleza dunha eclipse total desde a mesma coroa desde a que romanos e celtas otearon o val valdeorrés, as calorosas noites de terraceo, os mergullos na piscina, a visión do Atlántico en calma en Riazor e unha longa lista de momentos envoltos nesa enerxía coa que o sol estival imprime todo o que toca.

Hai espazo para a tristeza no verán? Se aparece, faino como unha intrusa que se coa nunha festa á que non foi invitada. E este verán fixo a súa aparición estelar coa perda de dúas mulleres maiúsculas: Dolly Parton e Gloria Steinem. Ao principio, o mundo encolleuse coa noticia dos seus falecementos. Pero deseguido invadiunos unha reconfortante onda de agradecemento: o que provocan quen viviu con propósito e, como diría Dolly, a posta. Se algo nos deixan estas dúas xigantas do seu tempo é autenticidade e esperanza. Un novo comezo.
Por unha banda, está a autenticidade que irradiaba Dolly, e que poderiamos usar como antídoto contra a superficialidade dunha tendencia influencer que parece dar síntomas de saturación. Doutra banda, a inesgotable esperanza de Gloria, necesaria para arrouparte nun preocupante escenario cada vez máis cheo de individuos desacomplexados que alzan bandeiras en nome dunha estreitísima definición de nación, unha na que non caben narrativas plurais nin acentos diferentes.

Nun futuro incerto de crispación e violencia que os manipuladores algoritmos non deixan de venderche, hai —ou deberías darlle— cabida ás voces e as obras de quen se esforzou por demostrar que a igualdade e o amor son forzas cunha capacidade de transformación e crecemento inigualables. Talvez isto sexa en grao sumo revolucionario que podemos facer hoxe: pechar os ollos ás tendencias efémeras e abrilos á realidade inmediata. A esa que si podes cambiar cunha pequena acción, coa pequena e infinita decisión de sacar as túas propias conclusións. Á fin e ao cabo, non estaría de máis apreciar o batuxar na beira e aprender a nadar antes de ser catapultados á inmensidade do océano.

Dolly e Gloria, entre moitas outras mulleres que seguiron o seu mesmo ronsel, ensináronme que o acto de cambiar o mundo empeza sempre por unha mesma. A esta lección, a miña case medio século de experiencia vital, engadiría algo máis: prudencia. Non te lances ao confuso bulebule da masa antes de entender que e quen es. Pero tampouco te encerres nesa definición: contrástaa. Crece. Evoluciona. Madura cultivando a curiosidade. É imperativo.

O mundo está a cambiar a unha velocidade estrepitosa e a tecnoloxía que estamos a construír hoxe ameaza con relegar a un segundo plano aquilo que nos fai máis humanos: a nosa capacidade creativa.
Se non somos capaces de dilucidar as consecuencias dun mundo sen esa forza transformadora, é porque necesitamos urxentemente pensar. Pensar por nós mesmas. Os dereitos que hoxe gozamos, e que tanto custaron conseguir, non poden darse por feitos. Hai que protexelos para que sigan amparando a xeracións futuras. Asi que se sentes que as forzas te fraquean ante as estrondosas trompetas da apocalipse, non creas nin por un momento que estás soa. Arróupate da comunidade que valores e de bos recordos, e impúlsate cara ao futuro con determinación e esperanza.
Como che dirían Dolly e Gloria: está ao alcance da túa man.

Raquel Sertaje