O Pan de Cea reivindica a súa tradición e o seu peso económico no rural galego

A conselleira do Medio Rural visitou o obradoiro Aboamigalla e destacou o valor dunha IXP que produce máis de 400.000 pezas de pan ao ano.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor a tradición, a calidade e a importancia económica da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea durante a súa visita ao obradoiro Aboamigalla, en San Cristovo de Cea.

O Pan de Cea é a IXP máis antiga de España no sector da panadería e converteuse nunha referencia para outros selos de calidade. Actualmente, doce fornos da localidade están integrados nesta denominación, apostando pola elaboración artesanal e polo uso de produto autóctono.

Durante a visita, Gómez destacou tamén o traballo desenvolvido por Aboamigalla, un dos obradoiros integrados na IXP e recoñecido internacionalmente polo seu labor como panadaría artesanal. Entre os seus galardóns figura o premio Best Artisan Bakery 2025-Galicia.

A conselleira salientou o impacto económico desta actividade no municipio e no conxunto do rural. Cada ano certifícanse máis de 400.000 pezas de Pan de Cea, cun valor económico estimado superior ao millón de euros. Para Gómez, estes datos evidencian a capacidade das producións de calidade para xerar riqueza e emprego e contribuír á dinamización do territorio.

O trigo galego, parte do patrimonio alimentario
A visita serviu tamén para reivindicar a importancia do cultivo do trigo en Galicia. A conselleira explicou que, aínda que a produción galega non destaca pola súa cantidade no conxunto de España, si ten un especial valor pola conservación de variedades tradicionais e pola súa relación coa elaboración de produtos emblemáticos como o Pan de Cea e o Pan Galego, as dúas IXP galegas do sector da panadería.

Entre estas variedades autóctonas atópanse Callobre e Caaveiro, seleccionadas a partir de ecotipos tradicionais galegos polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Segundo destacou Gómez, estas castes contribúen á conservación do patrimonio xenético e alimentario propio de Galicia.

A responsable de Medio Rural reafirmou, ademais, o compromiso da Xunta coas producións agroalimentarias de calidade, que considera ferramentas fundamentais para impulsar o desenvolvemento do rural.

Neste sentido, referiuse ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que este ano conta cun orzamento de 10 millóns de euros, dous millóns máis que no exercicio anterior. O programa está orientado á promoción dos diferentes selos de calidade galegos.

Gómez defendeu así a importancia da “extraordinaria” despensa alimentaria galega, que, segundo sinalou, representa un valor económico, social e cultural que debe ser preservado e potenciado. O Pan de Cea, pola súa historia, elaboración artesanal e vinculación co territorio, constitúe un dos exemplos máis destacados desta identidade gastronómica.