O Carballiño celebra o Samaín con terror, xogos, música e chocolate con bica gratuíta

O Concello organiza dous días de actividades para a mocidade e as familias, cun Túnel do Terror, colchonetas e animación musical polas rúas da vila.

O Carballiño celebrará o Samaín os días 30 e 31 de outubro cunha programación dirixida á infancia, á mocidade e ás familias, que combinará actividades lúdicas, música e propostas gastronómicas. O Túnel do Terror, os xogos de colchonetas e unha chocolatada con bica gratuíta serán algúns dos principais atractivos da celebración.

A programación comezará o venres 30 de outubro, a partir das 19.00 horas, co Túnel do Terror na Praza Maior, unha actividade que xa rexistrou unha boa acollida entre os máis pequenos na pasada edición. Ese mesmo día, a Pista Roxa acollerá xogos en colchonetas para a cativada, mentres que a Praza Maior será o escenario dunha gran chocolatada con bica gratuíta.

A iniciativa está promovida pola Concellería de Comercio, Emprego e Xuventude, que busca ofrecer alternativas de lecer para todas as idades e favorecer a participación da veciñanza nas tradicións propias destas datas.
«Queremos fomentar a participación da mocidade e da infancia nas tradicións locais, dinamizando ao mesmo tempo os espazos públicos e a actividade comercial», explica a concelleira da área, Diana González.
A edil tamén destaca o carácter aberto da chocolatada, que será gratuíta e estará dirixida a veciños e veciñas de todas as idades, como un espazo de encontro e convivencia interxeracional.

A festa continuará o sábado 31 de outubro pola tarde coa animación musical da batucada Batucarba, que percorrerá as rúas do Carballiño cunha proposta de ritmo e ambiente terrorífico para completar a celebración do Samaín.