Celanova encherase de música, sustos e disfraces cunha programación especial polo Samaín

O Concello e Mala Noite organizan o evento Mala Noite de Pedra, mentres que o Mosteiro acollerá por primeira vez o túnel do terror «O Claustro das Ánimas» e os comercios celebrarán o tradicional Truco ou Trato.

Celanova prepárase para vivir un Samaín cheo de música, sustos e actividades para todos os públicos os días 30 e 31 de outubro. A programación combinará propostas de lecer, animación musical e iniciativas para dinamizar o comercio local, coa Praza do Millo e o Mosteiro como principais escenarios.

Un dos pratos fortes será Mala Noite de Pedra, organizado polo Concello de Celanova e Mala Noite para o sábado 31 de outubro. A iniciativa busca consolidar unha programación propia arredor desta festividade e complementar outras propostas xa asentadas na vila, como o túnel do terror da Asociación Comadres de Celanova e as actividades da Asociación Celanova CHEA.

A xornada comezará ás 18.00 horas cun tardeo que se prolongará ata as 22.00 horas, amenizado por DJs dos anos 80 e 90 de Celanova: Nova 76, Lua Chea, Villa, Coyote, Novo Sol, Pétalos e Mami. A música continuará ás 23.00 horas co concerto de Silee e, a partir das 00.30 horas, coas sesións dos DJs Freyyjrr e Diego Rivera.

Durante a tarde e a noite tamén haberá photocalls, concurso de disfraces, pinchos terroríficos e outras sorpresas. No evento colaboran os establecementos O Fiadeiro, Taberna do Galo, Pub Pk2 e Mami Discomóvil.

O Mosteiro estrea «O Claustro das Ánimas»
Outra das novidades desta edición será a celebración, por primeira vez, de «O Claustro das Ánimas», unha iniciativa coa que a Asociación Comadres de Celanova trasladará o seu tradicional túnel do terror ao Claustro Barroco do Mosteiro.

A actividade desenvolverase o sábado 31 de outubro, de 20.00 a 23.00 horas, e estará aberta a toda a poboación. A proposta conta coa colaboración do Concello de Celanova e da Asociación Celanova CHEA.

Para participar, as organizadoras establecen grupos dun máximo de seis persoas. Os menores de oito anos poderán acceder sempre que vaian acompañados dunha persoa adulta. Ademais, será necesario seguir as indicacións da guía e acceder sen obxectos nas mans, coa cara descuberta e sen comida, bebida, lanternas ou outros elementos que emitan luz.

O comercio local súmase á celebración
A programación arrancará xa o venres 30 de outubro co «Truco ou Trato» nos establecementos asociados a Celanova CHEA. A iniciativa pretende implicar a veciñanza na celebración do Samaín e, ao mesmo tempo, fomentar as compras no comercio de proximidade.