Cenlle mellora a biblioteca municipal e a aula CEMIT cunha achega da Xunta de máis de 19.000 euros

As actuacións incluíron a renovación do pavimento, a adquisición de novo mobiliario e a incorporación de equipamento para mellorar os servizos e as actividades culturais do recinto.

O Concello de Cenlle mellorou as instalacións da biblioteca pública municipal e da aula CEMIT grazas a unha axuda de máis de 19.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou  o municipio, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, para comprobar o resultado dos traballos de acondicionamento.

A actuación desenvolveuse no local situado xunto ás oficinas municipais, que conta cunha superficie de 57 metros cadrados e acolle tanto a biblioteca como a aula CEMIT.
Entre as principais intervencións destaca a substitución do pavimento de formigón pulido continuo por parqué flotante de vinilo, co obxectivo de mellorar as condicións climáticas e o confort do espazo.

Ademais, incorporáronse dez estantes con marcos destinados a exposicións e á colocación de libros recomendados cando non se desenvolvan mostras. O equipamento completouse cun moble tipo vitrina para gardar trofeos e premios, un altofalante de maior potencia para a celebración de concursos e certames, e catro novos pufs para facer máis confortable a sección infantil.
Durante a visita, Manuel Pardo destacou a importancia destas actuacións para modernizar e adecuar os espazos culturais municipais, facilitando o desenvolvemento de actividades e mellorando a atención ás persoas usuarias.

Mellora das infraestruturas culturais
A subvención enmárcase na orde de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinada ao equipamento e á mellora das instalacións e locais utilizados para actividades culturais.
Esta convocatoria busca avanzar nos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia e da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, promovendo que todas as persoas poidan acceder á cultura independentemente das súas circunstancias sociais, económicas ou demográficas.

Entre as actuacións subvencionables figuran as melloras de accesibilidade, como a instalación de plataformas elevadoras; a renovación dos servizos enerxéticos e dos sistemas de calefacción; a posta en funcionamento de novos centros, e a adquisición de equipamento para salas culturais, incluíndo butacas e material escénico, audiovisual, de iluminación e de son.
Con esta intervención, Cenlle renova un espazo municipal destinado á lectura, á formación dixital e á organización de actividades culturais, mellorando os recursos dispoñibles para a veciñanza.