A campaña ‘Galicia Sabe a Mar’ achega os produtos pesqueiros galegos ao alumnado do CEIP Manuel Sueiro de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou a foodtruck da campaña ‘Galicia Sabe a Mar’, que fixo parada no CEIP Manuel Sueiro da cidade das Burgas para achegar os produtos pesqueiros galegos á comunidade educativa.

Durante a visita, Manuel Pardo destacou que esta iniciativa da Consellería do Mar reforza o apoio do Goberno galego á promoción dos produtos do mar, tamén nos municipios do interior, e contribúe a fomentar o seu consumo entre a cidadanía.

O delegado explicou que a campaña, que celebrou a súa primeira edición en 2021, ten como obxectivos impulsar o consumo de peixe e marisco, divulgar as súas propiedades nutricionais e poñer en valor o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro.

Esta nova edición desenvólvese a través de rutas gastronómicas itinerantes que percorren diferentes puntos de Galicia con elaboracións a base de peixes e mariscos da comunidade. As foodtrucks participan en feiras, festas populares, encontros deportivos e actividades educativas, onde ofrecen degustacións e amosan a variedade e as posibilidades culinarias dos produtos do mar.

A iniciativa, cofinanciada con fondos europeos a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), prolongarase durante 24 meses. Un dos seus principais obxectivos é chegar tanto á poboación adulta como á mocidade, considerada consumidora do futuro, promovendo hábitos alimentarios saudables e dando a coñecer o valor gastronómico dos alimentos procedentes do mar.