Destinou preto de 200.000 euros na provincia de Ourense.
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, visitou no Concello de Barbadás o negocio ‘Galiwork’, un dos 27 establecementos da provincia ourensá beneficiarios da orde de axudas no ano 2025, dirixidas a persoas traballadoras autónomas para a contratación indefinida e a formación de persoas desempregadas, na que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou preto de 200.000 euros.
Durante a súa estancia neste comercio, que percibiu unha achega de 5.175 euros para a contratación dunha empregada a tempo parcial, o delegado territorial aproveitou para lembrar que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria destas achegas ata o vindeiro 30 de setembro cun orzamento de 1,3 millóns de euros, co fin de favorecer a creación de novos empregos estables e contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego, a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte á contratación de persoas traballadoras.
Dúas liñas de axudas
Manuel Pardo explicou que este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si. A primeira delas é o Bono Contratación, polo que se proporciona unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas. No caso de que sexa a primeira vez que o beneficiario recibe este bono, a axuda para un traballador a tempo completo será de 7.500 euros, podendo chegar aos 9.000 euros se a persoa empregada é muller, parado de longa duración, maior de 52 anos, emigrante retornado, estranxeiro, se ten algunha discapacidade ou en situación ou risco de exclusión. O bono cobre tamén unha segunda e terceira contratación, para as que as achegas serán de 9.000 euros en xeral e 11.000 euros nos casos anteriormente mencionados. Ademais, nestes últimos casos, contémplase unhas subidas acumulables do 15% no caso de ser o emprego nun concello rural ou ser o empregado transexual, muller en profesión subrepresentada ou maior de 45 anos (non aplicable se a axuda se concede por ser maior de 52 anos). No caso da primeira contratación, poderase recibir un máximo de 14.400 euros, mentres que para as dúas seguintes o tope ascende aos 17.600 euros.
Por outra banda, o representante do Goberno galego indicou que a segunda das axudas contempladas na convocatoria é o Bono Formación, un complemento opcional cunha achega de 2.000 euros por persoa beneficiaria. Con este, os autónomos ou profesionais poderán levar a cabo accións formativas dirixidas aos traballadores cuxos contratos se subvencionan por esta orde. Estas accións constarán dun mínimo de 70 horas de formación teórica, relacionada co posto, que deberá ser impartida nos tres primeiros meses de contrato e rematada antes do 30 de outubro. Quedan excluídas deste bono as formacións que supoñan unha obriga legal en materia preventiva.





