Ata o 29 de maio.
O Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, anuncia a apertura do prazo para participar no programa Concilia Verán 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o período estival, ofrecendo un recurso de calidade para a infancia.
O programa ofrece este ano un total de 80 prazas para o mes de xullo e 50 prazas para o mes de agosto. Está dirixido a nenos e nenas escolarizados/as entre 4º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Prazos e solicitudes
As familias interesadas poderán tramitar as súas solicitudes desde o 18 de maio (ás 00:00 h) ata o 29 de maio (ás 23:59 h). A información detallada e o acceso aos formularios normalizados están dispoñibles en:
– Web de consulta: www.allariz.gal/admin/servicio-concilia-veran/
– Sede electrónica: https://allariz.sedelectronica.gal
A documentación tamén pode presentarse de xeito presencial nas dependencias dos Servizos Sociais Comunitarios-Fogar dos Maiores.
Funcionamento e valores do servizo
O programa desenvólvese en quendas quincenais con un horario xeral de 8:00 h a 15:00 h. Cun enfoque inclusivo e enriquecedor, as actividades fomentarán valores como a convivencia, a cooperación, a igualdade e o respecto. O servizo inclúe:
– Opción de almorzo: Entrada flexible entre as 8:00 h e as 9:00 h.
– Servizo de comedor: Con recollida antes das 15:00 h.
Requisitos e transparencia
Para acceder ao programa, a infancia participante e, polo menos, unha das persoas proxenitoras ou titoras deben estar empadroadas en Allariz. As persoas responsables deben xustificar a ocupación laboral ou académica durante as quendas solicitadas.





