Está aberta unha nova convocatoria de axudas deste programa ata o próximo 3 de agosto.
Está aberta unha nova convocatoria de axudas ao emprendemento feminino ata o próximo 3 de agosto. Estas axudas superaron os 560.000 euros na provincia na pasada convocatoria. O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou na cidade de Ourense o centro de encontro de mulleres artistas, Art Dritt Studio, un dos 54 proxectos emprendedores constituídos por mulleres beneficiarios do programa Emega do ano 2025, aos que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 560.000 euros para crear ou manter 61 postos de emprego feminino.
Durante a súa estadía no centro, que recibiu unha achega de 10.000 euros para a creación dun novo posto de traballo por conta propia, o delegado lembrou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria de axudas deste programa ata o próximo 3 de agosto, cun orzamento que supera os cinco millóns de euros.
Nesta liña, Manuel Pardo subliñou que o obxectivo da Xunta con esta orde de achegas, é ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero. Así mesmo, destacou que se prevé financiar máis de 350 proxectos e crear arredor de 800 empregos na comunidade autónoma.
O representante do Goberno galego explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Neste contexto, sinalou que na concesión destas axudas préstase especial atención ao apoio a mulleres que emprenden no rural, para contribuír a fixar poboación nel; ás maiores de 55 anos, polas especiais dificultades para a inserción laboral por conta allea que estas teñen, e a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados.
Así mesmo, o programa fomenta a colaboración e o traballo en rede entre as mulleres que desenvolvan iniciativas emprendedoras a través de encontros, titorías e mentorizacións que poidan crear sinerxías cara a futuros emprendementos conxuntos. Estas achegas tamén promoven a creación e a consolidación de empresas constituídas a través da unión dos seus proxectos emprendedores.
Modalidades e intensidade das axudas
O delegado da Xunta lembrou que, ao igual que en edicións anteriores, a convocatoria deste ano mantén catro modalidades de axuda. A primeira delas é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. A segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. E a terceira modalidade de achega é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Por último, e co obxectivo de favorecer a conciliación, conta cunha axuda complementaria ás tres anteriores, Emega Concilia. Con esta modalidade, cunha contía máxima de 5.000 euros, preténdese dar pasos adiante na conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial como das traballadoras por conta allea. Esta orde de axudas está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.






