Terá lugar do 7 ao 9 de agosto e será a número 19.
A conta atrás para a 19ª Feira do Viño de Monterrei xa está en marcha. Do 7 ao 9 de agosto, Verín volverá converterse no gran escaparate dos viños da denominación de orixe cunha edición que chegará apoiada por un amplo programa de actividades.
A inauguración oficial terá lugar o venres 7 de agosto e correrá a cargo da futbolista galega Antía Pérez, elixida pregoeira desta edición en recoñecemento a unha traxectoria deportiva balizada de títulos nacionais e internacionais e aos valores de esforzo e compromiso que representa. O pregón celebrarase na praza García Barbón tras os actos da Confraría dos Viños de Monterrei.
Feira
Durante a fin de semana, a programación combinará viño, gastronomía e lecer. Os asistentes poderán participar en dous showcookings elaborados con produtos de Experiencias de Calidade, dirixidos por recoñecidos cociñeiros e harmonizados con viños da DO Monterrei, alén dunha cata comentada que percorrerá a evolución dos viños da denominación. A feira tamén reservará un espazo para o público infantil con xogos tradicionais, reforzando así o seu carácter familiar.
Os preparativos desta décimo novena edición tamén viñeron acompañados do reforzo da colaboración institucional. O Concello de Verín e o Consello Regulador renovaron o convenio que permitirá organizar unha nova edición da feira, distribuíndo as tarefas loxísticas, promocionais e de programación para garantir o desenvolvemento do evento. A iso súmase a renovación, por undécimo ano consecutivo, do acordo entre a DO Monterrei e Expourense, que seguirá impulsando a promoción dos viños da denominación en feiras nacionais e internacionais e, especialmente, en accións vinculadas ao mercado portugués.
Colleita 2025
A feira chega ademais nun contexto especialmente favorable para a denominación. O comité de cata do Consello Regulador outorgou a cualificación de «excelente» á colleita 2025, destacando a elevada calidade e regularidade dos viños elaborados a pesar de as dificultades vividas o pasado ano. Un recoñecemento que reforza o prestixio de Monterrei e que converte esta 19ª Feira do Viño nunha oportunidade para brindar polo bo momento que atravesa un dos grandes referentes vitivinícolas de Galicia.





