Barbadás recuper a “Noites Bárbaras”

A programación inclúe música, monólogos e humor na Casa da Cultura os meses de marzo e abril.

O Concello de Barbadás recupera o ciclo cultural “Noites Bárbaras” e incorpora como novidade a colaboración dos negocios hostaleiros do municipio. Ao remate dos espectáculos na Casa da Cultura Manuel María, o público poderá gozar de ágapes cortesía de distintos bares e restaurantes de Barbadás. “Queremos acompañar a cultura do impulso do tecido económico e social do municipio”, explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación do ciclo.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, convidou á poboación a desfrutar da oferta, que inclúe música, humor e monólogos. As citas iniciáronse o 13 de marzo con Pablo Meixe, un monologuista galego que ten moito éxito tanto en Galicia como no resto de España.
A programación continúa o venres 27 de marzo co concerto do grupo ourensán Sonoro Maxín, e o 10 de abril co espectáculo “Enredada” de Leti da Taberna. Rematará o 24 de abril cos belgas Okidok, unha das mellores compañías a nivel europeo.

As citas comezarán ás 20.30 horas e a entrada será de balde. As invitacións poderán recollerse na Casa da Cultura durante a propia semana do espectáculo.

Día do Pai
Na liña de colaboración entre cultura e tecido económico local, o Concello de Barbadás propón o “Conssertasso na Horta” de Brais das Hortas para apoiar a compra local. Aquelas persoas que compren no comercio local entre o 5 e o 19 de marzo por importe total de 30 euros recibirán un ticket familiar para acudir ao concerto. O concerto levarase a cabo o día 28 de marzo ás 17.30 horas no Museo da Gaita de Fole de Barbadás.