Será os días 1 e 2 de agosto.
O Concello organiza os festexos, que terán lugar os días 1 e 2 de agosto e que este ano contaron coa colaboración da nova Asociación Cultural Ramallosa Celanova. «Dende o Concello desexamos que todo o mundo desfrute e páseo ben, que sexan unhas festas bonitas, onde todo o mundo se sinta a gusto e respectándonos uns aos outros«, dixo o alcalde, Antonio Puga, na presentación, acompañado da concelleira de Festexos, Yennys Montero, e de Miriam Puga, en representación da Asociación Cultural Ramallosa Celanova.
A programación contará con varias novidades, tal e como indicou a concelleira de Festas Yennys Montero. Este ano increméntase o número de charangas da Ramallosa, procesión nocturna que arrancará ás 23.00 horas do día 1 de agosto dende a Praza Maior. O obxectivo é potenciar a música das charangas «antes, durante e despois da procesión nocturna. Queremos fomentar a tradición, volver a como era antes a Ramallosa», dixo Yennys Montero, quen anunciou o cambio de data da entrega de premios do concurso da Ramallosa. «Atendendo á proposta da asociación, acordamos trasladar a entrega dos premios ao domingo pola tarde. Esperamos que a xente se anime a participar máis», dixo.
O domingo, o propio día da Virxe da Encarnación, haberá procesión e alfombras florais. «Como todos os anos, o domingo será o día da procesión, das alfombras florais… e o pobo ten que estar limpo. Hai un servizo de limpeza dedicado en corpo e alma a ter o pobo limpo, pero debemos colaborar todos», dixo o alcalde.
Nas celebracións da Encarnación actuarán a Banda de Gaitas do Concello de Celanova, Lembranza Solpor, a Banda de Música Municipal e Celanova, as charangas BCB, Bandiños Band, Os Roquiños, Gárgolas, Zapateiros do Son, Street Band e A Felga e o trío 3.COM.
Fomento da participación
Dende a Asociación, Miriam Puga dixo que «a idea da asociación é facer que a xente se implique máis na festa, que haxa máis unión no pobo, aínda que xa somos un pobo unido! E volver á tradición da festa, e por iso impulsamos obradoiros para fomentar os farois artísticos –na procesión e na decoración do pobo- e un concurso de carteis en colaboración coa Asociación CHEA de Celanova».
A proposta gañadora foi a de Andrea Rodríguez González, de 18 anos e veciña de Ourense, aínda que con raíces familiares en Vilanova dos Infantes (Celanova). «Eu levo vindo á Ramallosa toda a vida, é unha festa chea de luz, de música, e un amigo que toca nunha charanga mo comentou e pensei: por que non?», dixo a gañadora, presente no acto.
O xurado que elixiu o cartel gañador estivo composto por un representante da rúa Abaixo, un representante da Ermida, un representante da Asociación Celanova CHEA e un recoñecido artista local.
Todos os traballos que se presentaron ao concurso, e as propostas infantís, poderán visitarse na exposición que se montará no Claustro Barroco do 29 de xullo ao 6 de agosto.
Inscricións
Dende esta semana está aberta na oficina de turismo o prazo para participar no concurso da Ramallosa, cuxas bases se poden consultar na sede electrónica do Concello. Na procesión, explicaron os presentes, as charangas irán na parte dianteira, onde se colocarán todos aqueles grupos que non leven música propia e, a continuación, aqueles que leven música propia (carriños musicais).
O alcalde aproveitou para solicitar a todos os grupos que queiran participar que suban ao centro da vila para saír todos xuntos dende a Praza Maior non se vaian incorporando sobre a marcha. «Se queremos unha procesión bonita, na que todos se sintan a gusto, temos que colaborar e unha certa organización e compromiso de todos. Haberá unha primeira parte con música de charangas, que é a tradicional da Ramallosa, pero non podemos poñerlle portas ao campo, e hai unha realidade: hai moitos grupos que levan animación propia. Se queremos que as cousas saian ben, temos que colaborar todos”.
Obradoiros
Para fomentar o uso de farois tradicionais, tanto na procesión como na decoración da vila eses días festivos, dende finais de xuño a Asociación Ramallosa estivo facendo farois cos campamentos dos colexios, coa Cruz Vermella e coa Mancomunidade e, dende fai unhas semanas, tamén organizan obradoiros abertos ao público. “Estamos na parte de arriba dos Claustros», dixo Miriam Puga, convidando a veciñanza a participar e incidiu na importancia de recuperar os farois artesanais e tamén de fomentar a decoración de todo o pobo. Os obradoiros proseguirán ata a semana da festa, unha iniciativa á que se sumará a Asociación CHEA, cuxa xerente Andrea González tamén estivo presente no acto para a entrega do premio á ganadora.





