O Concello e a Fundación Formavigo impulsan a empregabilidade en Celanova

O calendario formativo arrancará o vindeiro mes de maio cun curso de axudante de camareiro.

O Concello de Celanova, en colaboración coa Fundación Formavigo, pon en marcha un programa de formación dirixido a mellorar a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. Esta iniciativa centra os seus esforzos no sector servizos, unha área que actualmente presenta unha gran demanda de profesionais no municipio.

O calendario formativo arrancará o vindeiro mes de maio cun curso de axudante de camareiro, unha actividade que combina formación teórica e práctica cunha duración total de 50 horas. As clases impartiranse en horario de mañá, entre o 18 de maio e o 3 de xuño, na cafetaría do Auditorio Municipal Ilduara. Dado que as prazas son limitadas, as persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais.
O programa continuará no mes de setembro cun curso de 60 horas adicado á elaboración de frescos e carnicería.

Colectivos
Baixo unha perspectiva de integración e interxeracionalidade, o convenio de colaboración entre o Concello e Formavigo estenderase ao longo do ano e inclúe outros cinco obradoiros para colectivos específicos como a poboación inmigrante, os maiores de 55 anos e a cativada. Nestas sesións traballaranse competencias transversais e de integración, tales como a competencia oral en lingua galega, a arte floral, a alimentación saudable, a cosmética natural ou a risoterapia, esta última con varias sesións enfocadas a diferentes colectivos da vila.