Unha das empresas beneficiarias para actividades non agrícolas.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao polígono de San Cibrao das Viñas para, acompañado da súa alcaldesa, Marta Novoa, visitar as instalacións da empresa Resortes Galicia S.L., unha das tres entidades ourensás beneficiarias na última resolución da orde de axudas para actividades non agrícolas, na que a Consellería do Medio Rural destinou na provincia máis de 300.000 euros a prol da diversificación económica do rural e a fixación de poboación.
O delegado territorial explicou que o obxectivo destas axudas da Xunta é contribuír ao financiamento de proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes. Nesta liña, salientou que estas accións permiten tanto a ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural, como a xeración das condicións necesarias para crear e consolidar emprego na comunidade autónoma, o que vai favorecer tamén a fixación de poboación na contorna rural.
Durante o percorrido polas instalacións, Manuel Pardo indicou que as achegas están dirixidas a pequenas empresas situadas en zonas rurais e a persoas físicas que residan nestas contornas, e financian proxectos que contribúen ao desenvolvemento de actividades en ámbitos como a produción de bens e materiais, a transformación e comercialización de produtos agrarios ou a prestación de servizos, entre outros.
Segundo sinalou o representante autonómico, a Xunta investiu máis de 23 millóns de euros nos últimos dez anos para financiar este tipo de proxectos. Este montante permitiu beneficiar a máis de 550 novas empresas que xeraron máis de 500 novos empregos e consolidaron 4.320 postos de traballo en toda Galicia.
Proxecto de Resortes Galicia S.L.
No caso concreto desta entidade, dedicada á fabricación de produtos de arame, cadeas e resortes; percibiu unha axuda de preto de 140.000 euros para a adquisición dunha máquina multiformer destinada á produción de resortes de tracción, torsión e conformado de arame en diámetros comprendidos entre 4,5 e 12 milímetros. Coa a incorporación desta nova tecnoloxía, o delegado territorial subliñou que suporá un avance cualitativo no proceso produtivo, mellorando a precisión, eficiencia e capacidade de adaptación a especificacións técnicas esixentes, especialmente relevantes en sectores como o naval e defensa. Deste xeito, no ámbito internacional, a ampliación da gama produtiva permitirá reforzar a presenza en mercados como Alemaña, Francia e Portugal, onde existe demanda deste tipo de produto, consolidando así a estratexia de expansión exterior.





