O OUFF impulsa un ciclo cinematográfico sobre Edgar Neville

As proxeccións, organizadas en colaboración coa Universidade de Vigo, celebraranse tódolos xoves de maio.

O Ourense Film Festival (OUFF) programará durante o mes de maio un ciclo dedicado a Edgar Neville, unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español. Diplomático, escritor, dramaturgo, pintor e director, Neville (Madrid, 1899–1967) destacou polo seu humor elegante, a súa mirada irónica sobre a sociedade da época.
A súa obra cinematográfica, que abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista, converteuno nun autor de referencia e nun pioneiro na consolidación dunha linguaxe cinematográfica propia en España.
Esta é unha oportunidade para, en palabras do director artístico do OUFF, Óscar Doviso, «volver a desfrutar das obras de culto de Neville, coma La Torre de los siete jorobados, un filme moi peculiar que nos amosa como xa fai 40 anos se facía cine fantástico».

As proxeccións: catro xoves, catro títulos esenciais

O ciclo desenvolverase no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, no Salón Valle Inclán do Edificio de Ferro, sempre ás 20:00 h, cunha selección de catro filmes fundamentais na traxectoria do director.

7 de maio – La torre de los siete jorobados
Nesta primeira cita o catedrático Francisco Javier Rodriguez Rajo será o encargado de inaugurar o ciclo. E, a continuación, proxectarase este clásico do fantástico español, adaptación da novela de Emilio Carrere, que combina misterio, humor e unha atmosfera única.

14 de maio – Nada
Versión cinematográfica da novela de Carmen Laforet, gañadora do Premio Nadal, e unha das obras máis recoñecidas de Neville pola súa sensibilidade e precisión narrativa.

21 de maio – El último caballo
Considerada unha das primeiras películas ecoloxistas do cinema español, aborda con humor e melancolía o choque entre tradición e modernidade.

28 de maio – Mi calle
Un retrato coral e nostálxico da vida madrileña, onde Neville combina memoria, crítica social e un profundo humanismo.

Con este ciclo, o OUFF e a Universidade de Vigo ofrecen ao público ourensán a posibilidade de achegarse á obra dun creador único, cuxo legado continúa a influír nos cineastas actuais. «Paga a pena descubrir ou redescubrir a este fantástico cineasta que non deixará a ninguén indiferente», sinala Doviso, que invita aos ourensáns a participar no ciclo.
As sesións están abertas ao público ata completar aforo. Deste xeito inícianse as actividades da 31 edición do festival, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.