Publicada por Andrómena Senlleira, é unha obra fondamente vencellada á tradición, á paisaxe e ao universo lendario galego.
Xares, no concello da Veiga e en plena contorna de Pena Trevinca, acolleu a presentación da novela Habelas Hainas, do escritor Paco Ascón, nun encontro que resultou un éxito absoluto de asistencia e participación. O espazo quedou ateigado de persoas que quixeron acompañar o autor nesta xornada dedicada á literatura, á memoria e á cultura do territorio.
Publicada por Andrómena Senlleira, selo editorial de Orixe Publicidade, Habelas Hainas é unha obra fondamente vencellada á tradición, á paisaxe e ao universo lendario galego. A novela recupera o misterio das meigas desde unha mirada literaria e humana, construíndo unha historia na que o amor loita por non naufragar entre as forzas visibles e invisibles que condicionan a vida dos seus protagonistas.
Durante o acto, Paco Ascón compartiu co público as claves da obra, o seu proceso creativo e a relación da novela coas raíces culturais e emocionais da contorna. A resposta dos asistentes confirmou o interese espertado por unha historia que combina tradición, sentimento e identidade.
Na presentación tamén se recolleron as palabras de Avelino Jácome, editor da obra e responsable de Andrómena Senlleira, quen non puido asistir persoalmente. A súa intervención foi lida pola mestra Piedad Valencia, que trasladou aos presentes unha mensaxe especialmente agarimosa dirixida ao autor, destacando tanto o valor literario da novela como a amizade e o compromiso cultural compartidos ao longo dos anos.
O éxito da convocatoria converteu a presentación nunha verdadeira celebración colectiva, marcada pola proximidade entre o autor e os lectores e polo compromiso dunha comunidade que continúa apoiando a creación literaria vinculada ao rural galego.
Desde Andrómena Senlleira e Orixe Publicidade agradécese a presenza de todas as persoas que ateigaron o acto, así como a colaboración de quen contribuíu á súa organización. A presentación de Habelas Hainas en Xares demostrou, unha vez máis, que a literatura segue a ser un lugar de encontro, emoción e defensa da nosa memoria colectiva.
As fotos son de Estebán Sanchez Escuredo.





