A maxia non morre
Días fríos con sol de inverno. Nubes escuras viaxan coma un pardal mancado entre os sabugueiros do agro de arriba; son pequeniñas luminarias nunha ermida calquera, no outeiro ermo entre os carrascos e as uces.
Ás veces, a maxia rube as costas da incerteza e estoupa con ledicia no peito, cando deixamos que os ollos vexan no corazón das cousas. Nós podemos ser meniños doces se non deixamos que as lagañas dos anos se pousen no sorriso da alma. Iso é a maxia: o sorriso da alma.
Cando baixamos cara ao campo de fútbol do Poboado, Nisa corre coma unha toliña perseguindo unha lavandeira que foxe e se achega, provocando á cadela, que non se rende nunca nese xogo onde perde sempre.
Raiña dos pés finos,
das medias axustadas,
pernas libres que namoran
con tan só miralas.
Lavandeira fina, amiga,
sempre desconfiada,
achégaste a rego aberto
e foxes en cada arada.
Unha camelia noviña, plantada á beira do camiño, agasállanos cunha flor, mestura de cor e vida, de beleza e de… maxia!
Porque a maxia é todo, amigo Javier. Sen ela non se poden escribir as Andrómenas, nin poesía nin nada. Aburridos, aletargados e consumidos camiñan os que a perderon; son zombis que viaxan sen ser eles mesmos, son a maquinaria precisa para non chegar a ningures.
Pero ti emociónaste cando ves as luvas brancas, cando o prestidixitador pon o sombreiro na man e saca unha pomba ou unha rula do peito, ou atopa aquela carta que escolleras entre un cento e que espallou no chan da tarima onde xorde o espectáculo, cravándoa coa punta do caxato negro.
Por iso, cativiño de Ablitas, do Castelo, non perdiches a maxia: lévala na mirada e no sorriso, na amizade coa que nos agasallas, coma a camelia á beira do camiño. Ti si que es un mago, Javier, un mago cheo de maxia.
Si, meu feiticeiro amigo da voz doce, que treme cando fala do que sente dentro; un gran home con alma de meniño. Díxome unha rula que andas cavilando, un chisco aqueloutrado, e que, de cando en vez, esquéceste de ollar cara adiante e miras para atrás.
Por iso quero convidarte a saír de ti con esta Andrómena, que remata así:
Saio cando canta o reiseñor da noite,
antes da acesa primavera.
Saio antes de que nazan as rosas,
antes de que empreñen as silveiras.
Saio do cárcere e déitome no luar,
antes do cantar do cuco.
Saio ceibe a camiñar nas escumas,
coma Deus no mar.
Saio espido, descalzo; anduriña son,
agardando un niño novo.
Saio a traballar á solaina,
ergo unha casiña de palla e lama.
Saio e esvaro en pingas de auga,
son brétema e cegoña!
Saio e son cinza nun pano,
agardando a palabra viva do paporrubio!
Saio para ti, meu querido mago Enériz. Cando o cavilar te atormente, agarra o pau da vasoira e sae a bailar con Isabel ao son das rulas e dos paporrubios, mentres no alto voan as nosas cegoñas.
Avelino Jácome
6 de xaneiro de 2020
En lembranza de Javier Enériz
Esta Andrómena foi escrita para Javier cando aínda podiamos compartir a súa voz, o seu sorriso e a súa maxia. Hoxe recupéroa como homenaxe e despedida ao meu querido amigo, o mago de Ablitas, home bo e xeneroso, que levou sempre un meniño no corazón.
A maxia verdadeira non desaparece cando o mago marcha. Queda na amizade, nas lembranzas e no sorriso da alma de todos os que tivemos a fortuna de coñecelo.
Ata sempre, amigo Javier. As nosas cegoñas han seguir voando por ti.





