Con toda probabilidade o vindeiro mércores 14 reuniranse Xunta de Galicia e UD Ourense para tratar sobre o convenio de reapertura do estadio do Couto.

A directiva da Unión Deportiva Ourense enviou á Xunta de Galicia unha proposta de convenio para a reapertura do Couto e tras firmar unha provisional coa que xogaron contra o Palmés o 21 de decembro.
Horas despois de recibir a institución autonómica a proposta, un alto cargo da mesma púxose en contacto con Modesto García (presidente da UD Ourense) para falar dunha posible reunión. Desde a Xunta de Galicia instan ao club para que se realice o antes posible, polo que o mércores 14 será a data máis que probable para que teña lugar. Santiago será a sede da cita.
Os directivos da UD acudirán á capital galega logo de reunirse e concretar todos os puntos do convenio. O que teñen claro son varios puntos que consideran innegociables. Un deles é o do seguro a todo risco; García considera que non se poden facer cargo dun seguro dun estadio que van usar só cando o equipo xogue como local; neste punto, desde a Xunta xa lle comunicaron que non habería problemas para chegar a un punto en común. Outra das esixencias, que tamén está solventada, é a de poder xogar ata final de tempada.
Aínda que todo vai encamiñado para que haxa un entendemento, desde a directiva unionista son cautos, xa que queren que estea todo ben atado para rubricar a firma. Un dos puntos menos claros é o de que pasará coa publicidade do estadio.

Equipos distintos
Outros dos clubs que firmarán o convenio será o Ourense CF. Desde a UD querían que foran pactos distintos pero na administración dixéronlle que iso non podía ser. Entón o que tratarán é que uns puntos do convenio sexan referentes á UD Ourense e outros ao Ourense CF. Como o presidente do novo club indicaba “somos dous clubs distintos con necesidades opostas. Nós necesitamos un campo de xogo e un local, mentres que eles teñen un campo e unha sede”, explicaba.
Modesto García tamén pretende facerlles ver aos responsables do Couto que a petición do estadio non é un capricho. “Soamente hai que ver as gradas no partido contra o Palmés no que uns 1.500 afeccionados acudiron ao encontro para darse conta que a petición do Couto é unha necesidade, non un capricho. O noso club ten preto de 1.300 socios e abonados e a mellor opción para darlles un lugar axeitado é o Couto”, concluía García.