A xuízo da Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública de Ourense os xestores sanitarios deberían ter en conta o envellecemento da provincia, a alta cronicidade e apostar pola Atención Primaria.

 

Ano tras ano prodúcense picos importantes de demanda asistencial no sistema sanitario público ourensán, e, con todo, ano tras ano, prodúcese puntualmente o colapso nas Urxencias e consecuentemente no resto de unidades hospitalarias. Ante esta situación coñecida que non se dá atallado, a Plataforma pola Defensa e Mellora da Sanidade Pública de Ourense pon sobre a mesa o que considera son os motivos desta “crónica e gravísima falla de xestión”.

A taxa de envellecemento da provincia e a alta cronicidade, os recortes na Lei de Dependencia, a “clara regresión” nos recursos económicos, nos ratios de profesionais e nos medios materiais da Atención Primaria; a redución do número de profesionais sanitarios nos servizos de urxencias son algunhas das causas, a xuízo da Plataforma SOS Sanidade Pública, destes colapsos que se repiten ano tras ano. Asemade, tampouco axuda a perda de camas hospitalarias de crónicos, o atraso na construcción do novo hospital de Ourense e unha xestión orientada a resultados económicos “onde o importante é canto aforramos e non avaliar como repercute esa xestión na mellora dos resultados en saúde”.

Dende o punto de vista de SOS Sanidade Pública “uns xestores que provocan coas súas decisións estas situación non son merecentes de xestionar o importante patrimonio público que é a nosa sanidade”.