O Grupo Municipal do PP de Ourense «lamenta fondamente a deplorable imaxe institucional que, unha vez máis, está a amosar o Goberno Municipal da cidade».

Tralo anuncio –forzado pola presíón do PSOE a nivel rexional e nacional- de dimisión da concelleira Áurea Soto, os populares lembran que o alcalde de Ourense proclamou en reiteradas ocasións que puña “a man no lume pola súa edil de Urbanismo” e que, incluso, “se tiraría ao inferno responsabilizándome con ela do que pase neste proceso”, tal e como manifestara o 24 de abril de 2013.

“Agora é o momento de que o alcalde amose dunha vez que ten palabra, que cumpra o que dixo e que dimita”, recalca o portavoz municipal dos populares, Rosendo Fernández, quen pon tamén o aceno en que o Concello de Ourense queda unha vez máis nunha situación insostible e ingobernable.

Tendo en conta o volume de procesos xudiciais no que está Áurea Soto dende hai meses, este momento tiña que chegar, “pero dende o Goberno Municipal nada se fixo para prever os efectos desta dimisión, con importantes proxectos estratéxicos que quedarán no aire, como son o Plan de Investimentos, o PXOM, As Burgas ou a Praza de Abastos entre outros moitos”.

Ademais, Rosendo Fernández recalca que a situación de incertidume xurídica na que están inmersas as Normas Provisionais de Urbanismo, “é culpa do Goberno Municipal, incapaz de dar un só paso ao respecto no último ano nin dende que tomaron posesión en 2007. Que non nos veñan agora con que a culpa é do PP, a súa muletilla favorita”.

Precisamente, no tocante ao labor municipal de Áurea Soto, os populares “son coñecedores das presuntas horas adicadas da señora Soto á Concellería de Urbanismo, aínda que os cidadáns non vísemos os seus frutos” e exemplifica tamén o seu labor en que “a petición nosa, esta concelleira foi reprobada polo Pleno do Concello en setembro de 2014. Nin a oposición, nin a meirande parte dos seus propios compañeiros, nin os cidadáns son capaces de dicir nada positivo referido á súa xestión, que agora queda no aire por unha temeraria falta de previsión”.

Ante a delicada situación na que quedará o Concello de Ourense a partir de hoxe, cun alcalde incapaz de facer equipo cos seus concelleiros mal avenidos entre eles, o grupo maioritario desta cidade, o PP de Ourense, como xa fixo noutras ocasións, ponse a disposición dos cidadáns e do equipo de goberno para garantir a gobernabilidade da cidade. Un exercicio de responsabilidade que só lle corresponde ao único grupo político desta cidade con capacidade para asumir as rendas do Concello da terceira cidade de Galicia.