Realizarase seguindo o modelo do de Monterrei, concello co que Verín establecerá un convenio para o seu mantemento.

 

Este 28 de xaneiro Verín acolleu o seu pleno ordinario, no que se acordou cos votos do PP e BNG (e a abstención do PSdeG-PSOE) a aprobación definitiva do Proxecto de Equidistribución da ampliación do Parque Empresarial de Verín-Pazos, “do mesmo xeito que xa se realizou no Concello de Monterrei co que se establecerá un convenio para o seu mantemento”, indicou o rexedor Juan Manuel Jiménez, que recordou que “se trata do cumprimento da promesa deste grupo de goberno de acadar novo solo industrial no noso municipio, un procedemento que se viu estancado co anterior goberno municipal que rexeitou esta ampliación, e que retomamos nós cando chegamos no 2007”. Por outra banda, tamén recordou que “seguimos apoiando a realización dun parque empresarial en Tamagos, pero o proceso de expropiación realizado pola Xunta do bipartito non foi correcto, xa que non se realizou de modo sectorizado senón aleatorio, cunhas parcelas nun sitio e outras noutro, e agora queda moito por expropiar e entendemos que a situación económica é complicada para a súa realización”.

Por unanimidade de todos os grupos políticos tamén aprobaron a solicitude á Deputación Provincial de Inclusión de obras municipais no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipias e rede viaria para o exercicio 2015. A obra principal solicitada é a construción de colectores soterrados na rúa Deputación -importe de 85.21,63 euros- e como adicional a pavimentación de beirarrúas na avenida de Portugal -importe de 56.851,13 euros-.

Así mesmo, aprobouse a adxudicación da construcion, instalación e explotación de cafetaría en área deportiva de A Granxa; e a adhesión do Concello de Verín á “Rede Mundial das Cidades Amigables coas persoas maiores”.