A deputada Concepción Burgo acusa a Feijóo de financiar dende o goberno a campaña electoral dos candidatos ás alcaldías de Ourense e Vigo.

 

 Burgo reclamou o cese dos conselleiros de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e de Facenda, Elena Muñoz, logo de ser nomeados como candidatos á alcaldía de Ourense e de Vigo, respectivamente, por estar facendo “campaña electoral dende o coche oficial”. Burgo sinalou que os aínda conselleiros estiveron visitando as dúas cidades para celebrar actos alleos aos seus departamentos.

Advertiu que cada día que se manteñan como conselleiros e candidatos será un día mais no que Feijóo desminta a súa presunta aposta polo impulso democrático. Sinalou que “Feijóo di que hai que regular os gobernos en funcións, pero non fai nada cando dous conselleiros utilizan os recursos da Xunta para facer campaña electoral”, o que, engadiu, “metaforicamente supón un financiamento ilegal”.

Reforma universitaria

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, advertiu que o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, “tiña que estar cesado dende hai tempo” por defender a reforma universitaria do Ministro Wert “sen ningún tipo de consenso, análise nin diálogo cos estudantes e a oposición frontal dos reitores”. Lembrou o compromiso dos socialistas de derrogar o novo decreto no momento do cambio de goberno.

Os socialistas levarán unha moción ao próximo Pleno do Parlamento na que lle reclaman á Xunta que apoie os intereses das universidades e dos estudantes fonte á reforma imposta polo Ggoberno central. Reclaman que o goberno galego “defenda na Conferencia General de Política Universitaria e no Ministerio de Educación as decisións ao respecto dos reitores do SUG como representantes de toda a comunidade universitaria galega”.

Considerou unha temeridade que o goberno queira impor agora un modelo de tres anos de grao e dous de máster cando aínda non foron avaliados os resultados do sistema de catro anos de grao e un de máster.