A gran afluencia de público nos días centrais desta celebración fan, para os socialistas, “insuficientes os efectivos cos que se conta habitualmente o Concello”, e piden que a Subdelegación do Goberno os reforce.

Elvira lama, portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Xinzo, vén de rexistrar unha solicitude para que se reforcen na vila os corpos de seguridade do estado nos días centrais do Entroido, “ante a multitudinaria afluencia que se ven rexistrando nos últimos anos”.

Os socialistas alertan de que os efectivos da policía local que están de servizo eses días “non son suficientes para os miles de persoas que se achegan á Xinzo a gozar dun dos entroidos mais coñecidos, e estase a converter nun evento de magnitudes desbordantes para os policías”. Así mesmo, destacan as aglomeracións que se producen en rúas do casco vello e na Praza Maior, puntos onde se concentra esta festa singular.

Como consecuencia, o PSOE de Xinzo pídelle ao alcalde e aos mandos da Policía Local, “que avalíen a situación e soliciten as medidas oportunas a Subdelegación do Goberno de cara a evitar os posibles percances, así como a incrementar a presenza dos efectivos de Protección Civil”.

Por outra banda, tamén queren suliñar a necesidade de que se instalen contenedores pequenos de vidro onde poder depositar os cascos baleiros, así como que se lle pida aos establecementos de hostalería que incrementen os envases de plástico.